- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou O Grove, un dos concellos beneficiarios da convocatoria, dotada con 5 millóns de euros
- O obxectivo da medida é favorecer o aforro enerxético e económico, así como garantir o confort do persoal e das persoas usuarias
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou O Grove para comprobar as melloras realizadas no pavillón municipal de deportes náuticos co apoio da Xunta, a través da convocatoria de 2024 do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a concellos con menos de 15.000 habitantes. Durante a visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, Diego Calvo anunciou que xa se resolveu a convocatoria deste exercicio, con 89 entidades beneficiarias e entre as que tamén figura O Grove.
Ao abeiro desta liña de colaboración, dotada con 5M€ e destinada a financiar obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios municipais, o Concello do Grove recibiu o pasado ano case 60.000 euros para substituír a caldeira de gasóleo por outra de biomasa no pavillón de deportes náuticos. Segundo avanzou o conselleiro, no marco da convocatoria de 2025, este municipio volverá recibir preto de 60.000 euros tamén para a substitución dunha caldeira de gasóleo por outra de biomasa, neste caso no campo de fútbol Monte da Vila.
Diego Calvo sinalou que o obxectivo desta medida é facilitarlles ás administracións locais a renovación de edificios e instalacións municipais para facilitar o aforro enerxético e económico, contribuír á mellora ambiental e garantir o confort tanto do persoal como das persoas usuarias.
Así, nos criterios de valoración tense en conta o destino das actuacións, con prioridade para as deportivas e as de servizos educativos, sociais, sanitarios ou culturais. Tamén se valora o tipo de investimento, con maior puntuación para a substitución de caldeiras baseadas en combustibles fósiles por outras alimentadas por enerxías renovables ou reformas de cubertas a prol da eficiencia enerxética en infraestruturas de uso deportivo. A maiores tense en conta as melloras da envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación, entre outras, así como a necesidade específica das actuacións previstas.
Do total das entidades beneficiarias este ano, nove son da provincia de Pontevedra, que se distribúen máis de 500.000 euros. A Coruña suma 29 concellos beneficiarios, que reciben un montante global de 1,6 millóns de euros, Ourense 28 concellos e 1,5 millóns de euros, e Lugo 23 concellos e case 1,3 millóns de euros. A contía máxima para cada proxecto é de 60.000 euros.
Colaboración cos concellos
Diego Calvo incidiu en que o Fondo de Cooperación Local é o instrumento central de colaboración económica da Xunta coas entidades locais e ten como obxectivo garantir a suficiencia financeira dos concellos da comunidade. A través del regúlase un modelo estable de participación dos municipios nos orzamentos autonómicos. Nesta liña de acción, o fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local aportou 18,6 millóns de euros no período 2023-2025 para colaborar na mellora de infraestruturas municipais.
O conselleiro enmarcou estas iniciativas no compromiso da Xunta cos concellos galegos, que, permitiu o pasado ano destinar 32 millóns de euros para o impulso de 700 proxectos municipais. Concretamente no caso do Grove, o montante recibido nos últimos anos en achegas superou os dous millóns de euros. Nesta contía inclúense tamén as axudas anuais do Goberno galego para a contratación de auxiliares de policía local, pola súa condición de concello turístico.