En colaboración coa Ruta do Viño do Ribeiro, a Asociación “Novo rural” e os aloxamentos distinguidos no SICTED, levarase a cabo esta acción promocional pola que, coa reserva dunha estancia de dúas noites ou máis nestes establecementos, inclúese unha experiencia en ecobarco nos embarcadoiros de Cortegada, Arnoia, Castrelo ou Muíños
A Deputación de Ourense, a través do Inorde, impulsa a iniciativa “Navega o teu interior” para promover a media da estadía dos visitantes na provincia unha vez finalizada a tempada estival, sendo beneficiarios potenciais máis de 40 aloxamentos do rural ourensán.
Trátase dunha acción promocional posta en marcha en colaboración coa Ruta do Viño do Ribeiro, a Asociación “Novo rural” e os aloxamentos distinguidos no SICTED, pola que, coa reserva dunha estancia de dúas noites ou máis nestes establecementos, inclúese unha experiencia en ecobarco a desfrutar en Castrelo de Miño e Muíños ata fin de setembro, ou nos embarcadoiros de Arnoia e Cortegada ata finais de outubro.
Os usuarios destas reservas en ecobarco poderán brindar e degustar unha copa de viño do Ribeiro durante estas semanas nas que o destino se atopa inmerso na vendima. Os viños seleccionados para a ocasión proceden das adegas distinguidas con “Compromiso de Calidade Turística”.
Esta actuación inclúese no convenio de colaboración asinado entre o Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia para a promoción do turismo na provincia de Ourense, co fin de dinamizar o turismo rural e o enoturismo.