A súa vivenda natal da rúa Alameda conta desde hoxe cunha placa conmemorativa da súa figura
Este sábado, o Concello da Coruña rendeu homenaxe a Adolfo Anta Seoane, referente da música de corais, no 125 aniversario do seu nacemento.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou no acto de colocación dunha placa na súa vivenda natal, na rúa Alameda. “Desde o Goberno de Inés Rey temos moi presentes ás figuras que contribuíron a poñer en valor a nosa cultura e a nosa música tradicional, como é o caso de Adolfo Anta Seoane”, indicou Castro.
Músico, investigador, compositor e director de coros, Anta Seoane destacou pola súa ampla traxectoria ao fronte de agrupacións como Cántigas da Terra, que dirixiu durante máis de dúas décadas, ademais da coral da Fábrica de Tabacos, a coral de Sada, o grupo Brétemas e Raiolas ou o conxunto folclórico Aturuxo, fundado en 1954.
“O seu labor como armonizador e divulgador da música popular galega permitiu recuperar e adaptar numerosas pezas tradicionais, deixando un legado que hoxe segue vivo nos repertorios das corais galegas”, sinalou Gonzalo Castro durante o acto. Membro numerario da Real Academia de Belas Artes, legou a esta institución o seu valioso arquivo musical, unha das fontes máis ricas para coñecer a vida musical galega entre os séculos XIX e XX.
“A figura de Adolfo Anta Seoane permanece como exemplo de entrega á música e á cultura de Galicia, facendo del un referente imprescindible na historia do noso patrimonio musical”, engadiu Castro.