- Ángeles Vázquez denuncia que o Goberno central non presentou o Plan Social para o Clima, no que se plasmarían as actuacións a financiar en España a través dese Fondo impulsado pola UE, que conta cun orzamento de 9.000 M€
- Diego Calvo aclara que a proposta incluía proxectos destinados a avanzar cara unha mobilidade sostible e mellorar a eficiencia enerxética de instalacións deportivas, edificios administrativos ou xudiciais ou infraestruturas e servizos municipais
- M. Allegue critica “a falta de responsabilidade” do Goberno central, que deixou a Galicia sen opcións a optar a 1.460M€, en tres iniciativas da Xunta dirixidas a propietarios de vivendas, promotores privados e administracións
A Xunta trasladará á Unión Europea os proxectos galegos que optan a financiamento do Fondo Social polo Clima (FSC) ante a deixadez de funcións do Goberno central nesta cuestión.
Segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en rolda de prensa, xunto co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, o Executivo central incumpriu o prazo para enviar ás autoridades comunitarias o Plan Social para o Clima, que era o documento no que se debían recoller as propostas españolas a incluír nesa iniciativa europea.
O prazo remataba o pasado 30 de xuño e, tal e como confirmou por carta a directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da Comisión Europea, Beatriz Yordi, o Goberno central aínda non presento o devandito plan, o que supón a perda de 6.800 millóns de euros asignados a España ao abeiro do FSC e que se complementaría co 25%, uns 2.000 millóns, que debería aportar o Estado.
En total, España podería dispoñer dun total de 9.000 millóns de euros para avanzar cara a unha transición enerxética máis xusta para os sectores máis vulnerables da sociedade a través de axudas temporais e directas á renda e de investimentos que permitan reducir a dependencia dos combustibles fósiles no eido do transporte, as microempresas e os fogares vulnerables.
Nese senso, Ángeles Vázquez lembrou que este desleixo do Goberno central xa foi denunciado pola Xunta o pasado mes de marzo cando, no marco das observacións presentadas á consulta pública previa aberta sobre o Plan Social polo Clima, solicitou a participación activa das comunidades autónomas na toma de decisións sobre a xestión destes fondos coa identificación das medidas e investimentos máis axeitados para desenvolver nos seus territorios.
O Goberno central non atendeu esta solicitude e, ademais, tampouco trasladou nunca nin un borrador nin o plan definitivo. A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, “deu a calada por resposta” cando Vázquez lle trasladou a súa preocupación durante unha xuntanza o pasado mes de xuño, recordou a conselleira.
A maiores, o Ministerio tampouco ofreceu ningunha explicación sobre se estamos ante un retraso na elaboración do Plan Social ou se é unha renuncia expresa a este financiamento europeo. “A preocupación agora é dobre”, explicou Vázquez; “primeiro, falta de transparencia total e absoluta e opacidade en relación con estes fondos, e que vai acontecer a partir de agora”. A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático preguntouse se o Goberno central considera que non necesita optar ao FSC ou se estamos ante un caso de “deixadez de funcións”.
Esta inacción do Executivo central deixa en evidencia que, a pesar de anuncios como o Pacto de estado fronte á emerxencia climática, que cualificou de “pantalla” que “non ten ningún fondo”, a realidade é que non está a traballar na loita contra o cambio climático con accións prácticas e reais, incidiu Ángeles Vázquez.
De feito, este martes celebrouse o Consello nacional polo clima -órgano colexiado interministerial e de participación de todas as administracións públicas, así como organizacións sociais e ambientais- onde ese pacto de estado figura na orde do día, pero non se trasladou ningunha información previa ao respecto sobre a que poder traballar.
Máis de 60 proxectos por importe de 2.000 M€
Pola contra, Galicia si está a facer os seus deberes. Así, a Xunta presentou ante o Goberno central máis de 60 proxectos por importe de preto de 2.000 millóns de euros para obter financiamento do FSC.
Pola súa parte, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reivindicou que Galicia é exemplo de boa xestión e eficiencia na execución dos fondos europeos que se lle conceden á comunidade e “cumpre en prazo e con investimentos para acadar os obxectivos de cada convocatoria”. Isto contrasta coa actitude do Goberno central que, como aclarou, “cando ten á súa disposición fondos para levar actuacións no territorio nacional” como é o caso do Fondo Social para o Clima, esa cofinanciación periga por non presentar a proposta de España en prazo.
Por iso, lembrou que, tal e como se abordou a semana pasada na reunión extraordinaria da delegación española no Comité Europeo das Rexións, é “unha preocupación compartida polas comunidades” o risco de centralización dos fondos no marco do debate do novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. Por iso, a Xunta defende manter a participación efectiva das rexións no deseño e xestión das políticas europeas porque -sinalou- “cando a UE lle concede fondos directamente ao Estado quen sae perdendo é a cidadanía ao non terse en conta ás comunidades nesa distribución ou porque a súa xestión é menos áxil e máis complexa ou, mesmo, como neste caso, non se presentan en prazo”.
Ademais, explicou que na proposta remitida ao Executivo estatal incluíanse proxectos do seu departamento co obxectivo de avanzar cara unha mobilidade sostible, aos que se suman outros dirixidos a mellorar a descarbonización a través de actuacións de mellora eficiencia enerxética en edificios administrativos e xudiciais, instalacións deportivas ou estacións de autobuses, do mesmo xeito que se pretende colaborar cos concellos galegos para que poidan realizar estas melloras nas súas infraestruturas e servizos municipais.
Pola súa banda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, criticou “a deixadez e a falta de responsabilidade” do Goberno central, que deixou a Galicia sen opcións a optar a 1.460M€, en tres iniciativas presentadas pola Xunta dirixidas á vivenda eficiente e sostible no marco do Plan Social polo Clima.
María M. Allegue explicou que se trata de iniciativas perdidas pola falta de xestión do Estado, que se centraban en propietarios de vivendas, promotores privados e administracións públicas, con axudas previstas ata 2032 para rehabilitar e construír vivenda sostible. En concreto, incluían axudas por 164,5M€ para a mellora da eficiencia enerxética, 350M€ para incentivar a construción sostible e 945 M€ para promover vivenda pública eficiente.
A titular de Vivenda subliñou que mentres a Xunta incrementa esforzo e orzamentos para facilitar acceso á vivenda, o Executivo de Pedro Sánchez “non só entorpece e poñer atrancos ás comunidades, senón que ademais deixa a Galicia sen opción a recursos millonarios que beneficiarían directamente ás familias e ao sector da construción”.



