A Xunta reforza con 333.000 euros o orzamento das axudas para auditar as redes de abastacemento municipais co obxectivo de atender todas as solicitudes

adminON
Lectura mínima de 3
  • O ‘Diario Oficial de Galicia’ publica hoxe a resolución pola que se amplía o crédito da orde de subvencións convocada por Augas de Galicia a finais do mes de febreiro
  • O organismo hidráulico porá este ano á disposición das entidades locais galegas case 7,5 millóns de euros a través de seis liñas de axudas co obxectivo común de mellorar o funcionamento dos sistemas de abastecemento e de saneamento municipais

A Xunta incrementa en 333.000 euros o orzamento inicial da orde de axudas dirixida a entidades locais de menos de 50.000 habitantes para realizar auditorías de abastecemento nas súas redes e detectar posibles fugas e puntos sensibles. Así se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pola que comunica a ampliación do crédito da convocatoria (200.000 euros).

Ante a existencia de fondos e atendendo ao importante número de solicitudes recibidas, o organismo hidráulico Augas de Galicia decidiu ampliar a dotación inicialmente prevista para poder atender a todos os concellos que solicitaron en tempo e forma a subvención e que cumprían cos requisitos establecidos na propia orde. Deste xeito, a previsión é outorgar un total de 46 axudas por importe de 533.763,82 euros.

Grazas a estes incentivos económicos, que se publicaron o pasado 24 de febreiro, as entidades locais beneficiarias recibirán ata 15.000 euros para analizar o funcionamento dos seus sistemas de traída municipal co fin de elaborar posteriormente plans de actuación para minimizar as perdas de auga.

De feito e para darlle continuidade ao traballo realizado naqueles concellos que xa completaron en anos anteriores a análise dos seus respectivos sistemas de abastecemento, Augas de Galicia publicou tamén en 2025 axudas para financiar obras que optimicen o funcionamento das súas redes e reduzan ao mínimo as perdas de auga. Cun orzamento global asignado de 2,5 millóns de euros, a contía máxima destes incentivos será de 45.000 euros e poderá cubrir o 100% dos investimentos.

Por último, cómpre lembrar que este ano a Xunta porá á disposición das entidades locais galegas case 7,5 millóns de euros a través de seis liñas de axudas co obxectivo común de contribuír a mellorar o funcionamento dos seus sistemas de abastecemento e de saneamento municipais de augas e ofrecer un mellor servizo á cidadanía neste eido.

Comparte este artigo