Redondela celebra o 8M co compromiso de fomentar o liderazgo das mulleres

adminON
Lectura mínima de 6

O auditorio da Xunqueira acolleu este mediodía o acto institucional co gallo do 8M. O lema da campaña “O poder de cada muller transforma o mundo”  foi creado polo CEIP Quintela, gañador da enquisa na que participaron colectivos, asociacións, centros de día e centros escolares do municipio. No acto participaron o colexio Santa Mariña, os Centros de día de Cesantes e Os Cortizos, as asociacións Andaina e Lenda  e mulleres das directivas de clubs deportivos de Redondela. O grupo teatro  Setrestelo de Chapela fixo unha actuación para reivindicar a igualdade entre homes e mulleres.

A xornalista María Foscaldo, no seu papel de “Virtudes”, foi a encargada de ler o manifesto aprobado pola corporación do Concello. Nel lémbrase que “todos os colectivos e centros escolares participaron nesta campaña para derrubar as barreiras da invisibilización, especialmente en sectores onde a achega das mulleres foi ignorada ou minimizada. Poñémoslle voz a todas as mulleres que non tiveron a oportunidade de mostrar o seu talento, que foron tratadas como inferiores ou tiveron que loitar o dobre para ser escoitadas. Porque, aínda que celebremos os dereitos conquistados e recoñecemos a loita feminista que os fixo posibles, queda moito camiño por percorrer”.

Desde o Concello de Redondela ponse o acento no deporte, “as nosas deportistas son un orgullo, e tamén o feito de que nos seus equipos técnicos e directivas teñamos cada vez máis mulleres.” No manifesto comprométense a fomentar a igualdade e a seguridade no deporte redondelán, “con políticas firmes contra calquera forma de acoso, discriminación ou violencia machista, sancionando as agresións ou descalificacións para que as nenas e as mulleres se sintan seguras e respectadas”.

O manifesto esixe tamén “un compromiso firme a todas as administracións para visibilizar e apoiar o talento feminino en todos os campos da ciencia e da tecnoloxía” e tamén “garantir e fomentar as capacidades das persoas maiores, poñendo especial atención nas mulleres para que se escoiten as súas voces e se teñan en conta as súas necesidades”.

A xornada completarase esta tarde cunha charla sobre o papel das mulleres no deporte que se celebrará ás 19.30 nas oficinas de Turismo (rúa Isidoro Queimaliños). O título da actividade é “Xuntas no Deporte”, un encontro con mulleres que participan nas directivas de clubs redondeláns. No encontro participarán Paula Fernández (Club Baloncesto Redondela), Déborah Bouzón (CBF As Choqueiras), María González (BM Chapela), Vicky Ricón (CD Choco), Ana Romasanta (Asociación Deportiva CAR) e Carla Abad (Federació Galega de Balonmán). Na actividade, aberta ao público, vaise poñer de relevo o papel da muller na xestión e dirección da práctica deportiva.

A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, agadeceron a particiación de todos os centros de ensino, asociacións, centros de maiores e demais colectivos que participan nesta campaña porque “queda aínda moito camiño por diante para acadar a igualdade real, pero entre todos e todas, habemos conseguilo, porque unidas e unidos somos mellores e máis fortes”.

PRÓXIMAS ACTIVIDADES DA PROGRAMACIÓN DO 8M

O sábado día 15 é a quenda do espectáculo “Sobria y Serena. El Chou”. Jazmín Abuín e Arantxa Treus son as protagonistas deste show de humor no que fan unha viaxe pola súa vida a golpe de gargalladas. Será ás 20:00 horas Multiúsos da Xunqueira con entrada de balde.

O 21 de marzo presentarase o libro “Galegas na Música” de Isabel Blanco, coa actuación musical de Zousaxmas, no Conservatorio Municipal Víctor Ureña ás 20:00 horas. As mulleres que escribiron parte da historia de Redondela serán as protagonistas dun “Scape Room” o 22 de marzo. Sairá ás 19:00h da praza de Ponteareas (Vilavella). Información e inscricións: igualdade@redondela.gal

A concellería de Igualdade ao longo deste mes organiza tamén rutas guiadas para escolares: “Mulleres: da historia á memoria” nos meses de marzo e abril para dar a coñecer o legado que moitas mulleres deixaron en Redondela, e que foron silenciadas pola historia.

Outra actividade da programación son as charlas “ Tecnoloxías e novas formas de violencia de xénero”. Esta actividade vaise celebrar nos centros culturais de Santo Estevo, Quintela, Cesantes, Ventosela, Saramagoso e no Multiúsos de Chapela. O obxectivo de levar estas charlas formativas ás parroquias é facilitar a participación de toda a veciñanza. Serán nos meses de marzo e abril.

VI xornadas Xemma Pereira

O 12 de marzo comeza as xornadas de emprendemento feminino “Xemma Pereira” con actividades de formación para o comercio local. Impartirse nas Oficinas de Turismo con clases sobre dinamización de ventas, ciberseguridade nas ventas electrónicas, etc. Serán os mércores, ata o 8 de abril nas Oficinas de Turismo de 20:30 a 22:00 horas. Inscrición en igualdade@redondela.gal.

Comparte este artigo