A Deputación aproba achegas por valor de 360.000 euros para que tres concellos da provincia realicen melloras en equipamentos deportivos

adminON

Son recursos do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 8 millóns de euros para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, que chegan esta semana a Baiona, Covelo e A Estrada

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novas achegas por valor de 360.000 € do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para que os concellos de Baiona, Covelo e A Estrada acometan melloras en diferentes equipamentos deportivos. Como explicou o presidente da institución provincial, Luis López, “cos 8 millóns de euros deste plan, o dobre que na pasada edición, continuamos modernizando os equipamentos deportivos do conxunto da provincia como nunca antes se fixera“.

En concreto, o Concello de Baiona recibirá 96.628 € para os traballos de adecuación e mellora do pavillón do CEIP Fontes Baiña, unha obra que ten un orzamento total de 513.000 € e que contará tamén cunha achega de 230.000 € do Plan +Provincia. Con estes recursos mellorarase o acceso á pista polideportiva, así como os vestiarios e aseos, a cuberta do pavillón e a protección fronte o vento e a chuvia. Tamén se mellorará a conexión entre o pavillón e o ximnasio e o centro docente e se realizarán tarefas de reparación, mantemento e mellora das instalacións.

Pola súa banda, Covelo contará con 60.928 € para financiar ao 100% as obras de mantemento e conservación da piscina municipal, que inclúen a renovación do vaso, dos pavimentos exteriores, o canal perimetral, o sistema de filtracións e as áreas de servizo, co obxectivo de garantir a súa funcionalidade, seguridade e emprego. Ademais, A Estrada recibirá 201.377 € para as obras de remodelación do campo de fútbol Manuel Regueiro, no que se procederá a substituír o peche e as gradas existentes, así como a construír novos aseos e outras melloras no campo.

Comparte este artigo