“Cando falamos de cancro, o lugar no que vivimos non pode significar ter menos oportunidades”, reivindica Carmela López no Congreso da AECC

Redacción

-Baixo o lema Coidar desde un Patrimonio da Humanidade, o congreso reúne no auditorio Fuxan os Ventos a preto de 500 persoas entre a profesionais sanitarios, investigadores e pacientes para abordar a enfermidade desde unha perspectiva integral

-A presidenta destacou o traballo “esencial que desenvolve a Asociación Española Contra o Cancro ao longo de todo o ano a través dos seus profesionais e da súa rede de voluntariado, que permite chegar onde ás veces as administacións non chegamos” e reafirmou a colaboración que o organismo provincial ten con este colectivo.

O auditorio municipal Fuxan os Ventos de Lugo acolle este sábado o IV Congreso Galego de Persoas con Cancro e Familiares, un evento organizado polas catro sedes galegas da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
O encontro, que conta coa participación de especialistas do ámbito sanitario, científico e social baixo o lema Coidar desde un Patrimonio da Humanidade, concíbese como un espazo de información, intercambio de experiencias e reflexión arredor da atención humanizada aos doentes e á súa contorna.
A presidenta da Deputación, Carmela López, acompañada polo deputado provincial, Miguel Fernández, participou na inauguración do encontro, na que tamén interveu o presidente da Asociación Española contra o Cancro de Lugo, José Manuel Rozas.
Recoñecemento ao labor da AECC e á igualdade territorial
Durante a apertura deste foro, a presidenta agradeceu á AECC a organización desta cita en Lugo e puxo en valor o significado profundo do lema escollido para esta cuarta edición.
“Cando falamos de cancro, o lugar no que vivimos non pode significar ter menos oportunidades, non pode condicionar o acceso aos recursos”, reivindicou a presidenta. Subliñou que nun territorio como a provincia de Lugo, caracterizado unha poboación moi dispersa e envellecida —con 67 concellos—, a proximidade resulta fundamental: “vivir nun concello pequeno non pode significar ter menos posibilidades de acceder ao acompañamento e aos recursos que se precisan. Tampouco pode significar estar máis só ante unha enfermidade”.
Nese sentido, destacou o traballo “esencial que desenvolve a Asociación Española Contra o Cancro ao longo de todo o ano a través dos seus profesionais e da súa rede de voluntariado, que permite chegar onde ás veces as administacións non chegamos”.
Reafirmou o compromiso da Deputación de apoiar ás entidades sociais, que son quen coñecen de primeira man as necesidades da cidadanía, lembrando a colaboración económica mantida coa sede lucense da AECC.
A presidenta puxo de relevo o valor da asociación na provincia recordando que contan con máis de 6.500 socios e socias, máis de 300 persoas voluntarias, máis de 600 persoas atendidas e máis de 2.700 sesións profesionais de atención e acompañamento. E presenza en 14 localidades da provincia.
Unha perspectiva integral que vai máis aló do tratamento médico
“Cando falamos de cancro non falamos só de diagnósticos, de tratamentos ou de investigación. Falamos de vidas que cambian. De familias que afrontan medos e incertezas. De proxectos que, de súpeto, se frean ou teñen que adaptarse. Por iso coidar é moito máis que tratar unha enfermidade”, sinalou López, quen recalcou que “coidar non é só tratar a enfermidade; é escoitar, é informar, é acompañar. E aprender a acompañar, porque ás veces non sabemos facelo. Ou cremos que o estamos a facer ben e igual non é tanto así. Creo que este congreso acerta plenamente ao abordar o cancro tamén desde esta dimensión. “.
Nesta mesma liña, a presidenta provincial fixo fincapé en que a atención non debe centrarse exclusivamente no paciente, xa que “detrás de cada diagnóstico hai unha familia, persoas que coidan, que acompañan e que tamén teñen medos, dúbidas e necesidades, polo que elas tamén precisan apoio”. E resaltou cuestións fundamentais relativas a “como afecta o cancro á vida laboral, que dereitos teñen as persoas enfermas e as súas familias, que apoios necesitan para seguir adiante”.
Un programa centrado na ciencia, o ámbito laboral e a humanización
O congreso estende a súa programación durante toda a xornada do sábado, estruturándose en diferentes mesas de debate e conferencias maxistrais.
A xornada matinal incluíu relatorios sobre novos tratamentos e investigación oncolóxica coa participación de expertos como a investigadora do CNIO María Soledad Soengas ou o doutor José Carlos Hernández Fernández, quen impartiu a conferencia inaugural.
Na xuntanza, abórdanse cuestións clave como as baixas, incapacidades, a reincorporación laboral e a adaptación de postos de traballo. Tamén contou con espazos para compartir experiencias sobre a vida despois do diagnóstico dende perspectivas como a mocidade ou a superación da doenzas.
A xornada da tarde completarase con talleres especializados en exercicio físico oncolóxico, sexualidade, nutrición e apoio aos coidadores, ademais da intervención do campión do mundo de paracanoe Nicolás Martínez Adega e a clausura a cargo da propia María Soledad Soengas.

Comparte este artigo