A bisavoa de Puri Leyenda iniciou na praza municipal este negocio familiar que en 2025 pasará ás mans da quinta xeración de mulleres da familia
“Con 10 anos fun por vez primeria soa a vender á Ribeira do Berbés e xa axudaba na casa a atar redes, montar aparellos e incluso a pescar a remo co meu pai”, explica Puri, moi orgullosa de máis de 50 anos traballando como “pescantina”
“Representa a todas esas mulleres de Nigrán que, desde nenas, comezaron a traballar para axudar na casa e xa non pararon nunca, sendo ademais o seu un oficio especialmente sacrificado, polo que é máis que merecido este recoñecemento”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán recoñecerá a través do ‘IV Foro da Muller Rural Galega’ a Puri Leyenda, cuarta xeración de mulleres da súa familia ao fronte da peixería da Praza de Abastos Municipal da Ramallosa. Este negocio de venda de peixe e marisco pasará no 2025 a mans da súa filla Eva Pereira Leyenda, continuando así cunha saga familiar que suma máis dun século na praza municipal, ubicada antigamente nas cocheras do tranvía, na Alameda de San Campio. Naqueles tempos eran decenas as peixeiras que aquí traballaban, hoxe tan só queda en activo Puri Leyenda (64 anos) e a sua filla Eva, de 41 anos e xa colaborando no negocio, garantirá o relevo.
“Puri representa a todas esas mulleres de Nigrán que, desde nenas, comezaron a traballar para axudar na casa e xa non pararon nunca, sendo ademais o seu un oficio especialmente sacrificado, polo que é máis que merecido este recoñecemento. É fundamental visibilizar o traballo das mulleres de Nigrán porque secularmente foron ignoradas e silenciadas e sen elas, este municipio non sería o que é: as mulleres de Nigrán son a clave no desenvolvemento da localidade”, considera o alcalde, Juan González.
Dolores Pazos, bisavoa de Puri, xa era “pescantina” na Praza de Abastos de A Ramallosa, oficio que continúou a súa nai, Dolores Rodríguez, a quen recén parida tivo que dar o relevo aos 10 anos para ir por vez primeira ao Berbés (Vigo) para vender o peixe e marisco que pescara o seu pai, Vicente Leyenda. “Collín o autobús de ‘Parrulo’ na Pintora, o meu pai díxolle que me coidara como se fose a súa filla, e así o fixo sempre”, recorda Puri, quen a partir de aí comezou a ir á Ribeira do Berbés de cotiá mentras que, a maiores, axudaba ao pai a atar redes, montar aparellos e mesmo ir a pescar a remo. “Os meus pais foron moi bos comigo, eran outros tempos e había que botar unha man na casa. Éramos máis irmás pero eu era a maior, por iso tiña máis responsabilidades. O mar deunos todo, grazas ao mar estou aquí e grazas ao mar dinlle un porvir a miña familia. As miñas fillas están moi orgullosas de que o meu traballo de pescantina lles dera estudios e a vida que temos”, recalca Puri, quen engade que “hay que traballalo moito”. A súa rutina é levantarse ás 2 da madrugada todos os días agás o domingo para ir ao Berbés a mercar, regresar directamente á Praza para montar o posto, abrilo sobre as 7:00 horas para vender ata as 14:00 aproximadamente e, por último, recoller e chegar a súa casa en Cotros (Ramallosa) sobre as 15:30 horas. “Aquí non hai baixas nin vacacións nin días tristes nos que contar penas, aos 3 días de parir xa estaba no Berbés con 29 puntos e, no segundo parto, con 30, igual. Non se pode pechar e hai que atender sempre á clientela con cariño e atención, esa é a miña filosofía”.
Pese a tanto sacrificio, Puri non entende a súa vida noutro oficio. “Encántame o meu traballo, gústame porque é o que vivín de sempre na casa, no Berbés teño unha segunda familia e na miña clientela tamén”, valora. A rutina de desprazarse de madrugada a Vigo para mercar marcou tamén desgraciadamente a vida de Puri aos 23 anos, cando xunto á súa nai sufríu un accidente de tráfico. “A miña nai morreu no acto, tiña 42 anos; un coche que viña de festa chocou contra un Vitrasa ao fin de rúa Coruña e o autobús nos embestíu”, di emocionada ao recordalo.
“Desde o Concello temos moito que agrader a Puri, sen ela esta praza non estaría nin aberta e sempre ten unha sorrisa para todo o que se achegue. O seu negocio mantén vivo desde hai máis dun século este lugar e por iso o recoñecemento é dobre”, resume o alcalde.

