A Xunta anima a AENOR a participar no futuro mercado de créditos de carbono para avanzar no cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible

Redacción

Na reunión avaliaron posibles vías de colaboración noutros aspectos vinculados ás liñas estratéxicas da Consellería como a prevención e xestión do desperdicio alimentario

conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe a Asociación Española de Normalización e Certificación (Aenor) a participar no futuro mercado voluntario de créditos de carbono de Galicia durante unha reunión que mantivo en Santiago de Compostela con representantes da entidade na Comunidade.

En concreto, o decreto que regula este mercado, que ten como obxectivo compensar emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2, indica que a certificación inicial, así como as verificacións continuadas levaranse a cabo por organismos independentes e acreditados.

Nese senso, a conselleira sinalou que os servizos que presta Aenor, así como a súa experiencia, cunha traxectoria de 30 anos apoiando ao tecido institucional e empresarial da Comunidade, serían unha gran contribución para o desenvolvemento e execución deste mercado virtual. Cómpre lembrar que este proxecto busca poñer en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente e con independencia de que teñan ou non o deber legal de compensar a súas emisións.

Deste xeito, Galicia será pioneira en España xa que contará co primeiro mercado voluntario de carbono destas características que, mediante a incorporación das novas tecnoloxías e de elementos innovadores, permita a empresas, entidades, organizacións e mesmo cidadáns realizar operacións de comercialización e velar polo seu seguimento posterior.

A maiores, durante o encontro co director da Rexión Atlántica de Aenor, Gonzalo San Antonio, e co director da sede da entidade en Galicia, José Enrique Rodríguez, avaliaron posibles vías de colaboración noutros aspectos vinculados ás liñas estratéxicas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Así, entre a solucións técnicas e de certificación que ofrece Aenor, a conselleira amosou especial interese polas accións formativas que desenvolve no marco do Sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental (EMAS), que é a ferramenta desenvolvida pola Unión Europea para recoñecer a aquelas organizacións que implantaron un sistema de xestión medioambiental e que adquiriron un compromiso de mellora continua, verificado mediante auditorías independentes.

Na reunión tamén avaliaron a posible colaboración de Aenor para avanzar no obxectivo de reducir o desperdicio alimentario. Cómpre lembrar que neste eido a Xunta está a preparar un plan para impulsar medidas orientadas á promoción de boas prácticas e á prevención de xeración destes residuos.

Comparte este artigo