Ángeles Vázquez avanza que o Tribunal Europeo priorizará a súa decisión sobre a tramitación ambiental dos eólicos en Galicia pola súa transferencia

adminON
Lectura mínima de 3

— A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático sinala que as resolucións do TXUE tardan unha media de 18 meses e celebra que neste caso os prazos se acurten, atendendo a que o bloqueo do sector “non é alleo ao resto de España nin da UE”

— Advirte de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia paraliza parques eólicos porque a Lei estatal de avaliación ambiental non traspuxo ben a normativa europea

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) priorizará a súa resolución sobre a cuestión prexudicial que pon en dúbida a tramitación ambiental de proxectos eólicos realizada pola Xunta en aplicación da lexislación básica estatal. Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en declaracións antes de asistir a un acto na cidade da Coruña.
Tras lembrar que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) elevou esta consulta a finais do pasado mes de xuño, a responsable autonómica explicou que o Tribunal comunitario comunicou onte que “debido á transcendencia” do asunto tratado na referida cuestión prexudicial, decidiu darlle prioridade sobre outros temas.
Neste sentido, celebrou a decisión xa que, segundo dixo, o TXUE adoita tardar unha media de 18 meses en pronunciarse ante este tipo de consultas, un prazo que neste caso será máis curto, o cal reforza a tese defendida sempre pola Xunta de que “a parálise eólica en Galicia non é allea ao resto de España nin aos demais países europeos”.
Así mesmo, Ángeles Vázquez lembrou que nos últimos tempos decenas de parques eólicos autorizados en Galicia foron paralizados xudicialmente ao cuestionarse diferentes aspectos da tramitación realizada pola Xunta.
En concreto, explicou que na cuestión prexudicial trasladada polo TSXG á Xustiza europea se argumenta que o Goberno español fixo no ano 2013 unha “mala transposición” da directiva europea de avaliación ambiental e en base a esta interpretación, xustifica as súas recentes sentenzas. “Non só están en entredito os proxectos eólicos, senón todas as declaracións de impacto ambiental”, advertiu a conselleira para incidir na urxencia de que o TXUE se pronuncie ao respecto.

Comparte este artigo