O goberno municipal pon en valor que as Festas de Ourense 2024 foron “das máis participativas dos últimos 20 anos e custaron 80.000 € menos ca o tope da partida”

adminON
Lectura mínima de 2

As Festas de Ourense 2024 foron “das máis participativas dos últimos anos aínda que tiveron un custo inferior á media dos últimos 20 exercicios anteriores”. Así o manifestou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen quixo subliñar a “altísima afluencia” de público ás actividades programadas e o “extraordinario ambiente de rúa” na cidade. “Foron unhas das festas máis participativas dos últimos 20 anos, cun ambiente na rúa que non era frecuente antes de que as organizase este grupo de goberno. E aínda conseguindo isto, por primeira vez en moitos anos, non se consumiu toda a partida orzamentaria prevista para as Festas de Ourense, que era de 480.000 euros, e non se chegou nin aos 400.000”, manifestou o rexedor. 

O goberno municipal organizaba este ano por terceira vez as Festas de Ourense (anos 2022, 2023 e 2024), xa que en 2019 a programación de actividades xa fora organizada polo goberno anterior e en 2020 e 2021 as festas non se celebraron pola pandemia da COVID.

Malia o “éxito de participación”, o custo da edición de 2024 non chegará aos 400.000 euros. Explica o alcalde que unha das claves neste custo inferior a anos anteriores está na “optimización de recursos e servizos”. Así, detalla que gastos, como a contratación do grupo Celtas Cortos, unha das actuacións máis destacadas do programa festivo, non suporá custo algún de caché para o Concello, xa que será pagada pola empresa que xestionaba as barras do servizo de hostalaría que se instalou no Pavillón dos Remedios e na Alameda, xunto cun patrocinador. 

“O Concello non desembolsa un euro polo caché artístico do grupo”, sinala Pérez Jácome, quen avanza que esta fórmula terá continuidade nos próximos anos.

Comparte este artigo