A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés impulsa a formación en emerxencias obstétricas mediante un curso de simulación clínica

Redacción
Lectura mínima de 3
  • O programa combina formación teórica e escenarios prácticos para mellorar a resposta ante situacións críticas
  • A actividade desenvólvese no Hospital Provincial de Pontevedra e está dirixida a profesionais de obstetricia, anestesia e enfermaría

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés está a desenvolver un curso presencial de simulación en emerxencias obstétricas no Hospital Provincial de Pontevedra, co obxectivo de reforzar a capacitación dos profesionais sanitarios na atención a situacións críticas durante o embarazo e o parto.

A actividade formativa, que se celebra en horario de mañá e tarde, está dirixida a persoal de obstetricia, anestesia, matronas, residentes e técnicos en coidados auxiliares de enfermaría do Servizo de Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.

O programa inclúe contidos orientados á adquisición de habilidades clave, como a estimación e cuantificación da perda sanguínea, así como o adestramento en escenarios clínicos simulados de alta complexidade. Entre estes, abórdanse situacións como a hemorraxia posparto, a distocia de ombreiros, a eclampsia ou a reanimación cardiopulmonar na embarazada, seguidas de sesións de análise e aprendizaxe (debriefing).

A actividade está coordinada pola facultativa especialista en Anestesia e Reanimación, Ana María González Castro, e conta coa participación dun equipo multidisciplinar de profesionais especializados en obstetricia, xinecoloxía, anestesioloxía e enfermaría.

Segundo explicou a facultativa especialista en xinecoloxía e obstetricia, Sofía Cernadas Pires, “a simulación clínica constitúe unha ferramenta fundamental na formación dos profesionais sanitarios, xa que permite adestrar a resposta ante situacións pouco frecuentes pero de elevada gravidade nun entorno seguro”. Neste senso, destacou que este tipo de metodoloxías contribúen a mellorar a coordinación dos equipos e a calidade asistencial.

Formación orientada á mellora da calidade asistencial
Esta iniciativa enmárcase na aposta da Área Sanitaria pola formación continuada e a mellora da seguridade do paciente, promovendo o traballo en equipo e a actualización constante de coñecementos e habilidades.

A través deste tipo de actividades, preténdese optimizar a atención ás mulleres durante o embarazo, parto e posparto, así como mellorar os resultados clínicos mediante unha resposta máis eficaz e coordinada ante emerxencias obstétricas

Comparte este artigo