O presidente da Deputación participou na apertura desta celebración extraordinaria, que pon en valor o patrimonio relixioso, arquitectónico e cultural da provincia e abre novas oportunidades para o turismo e a dinamización económica da comarca
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na apertura solemne do Ano Xubilar da Veracruz, unha celebración extraordinaria concedida polo papa León XIV que se prolongará ata setembro de 2027 e que conmemora os 75 anos da inauguración do templo deseñado por Antonio Palacios e os 125 anos da chegada ao Carballiño da reliquia do Lignum Crucis.
Luis Menor destacou a “oportunidade histórica” que representa este acontecemento para O Carballiño e para o conxunto da provincia, tanto pola súa dimensión espiritual como pola capacidade de atraer peregrinos e visitantes, poñer en valor o patrimonio e impulsar a actividade turística, cultural e económica da comarca.
“Hai máis de oitenta anos, Antonio Palacios soñou cun Carballiño convertido en lugar de peregrinación. Hoxe, coa apertura deste Ano Xubilar, aquel soño cobra unha nova dimensión e convértese nunha oportunidade extraordinaria para proxectar a nosa provincia”, sinalou o presidente provincial.
Menor reivindicou tamén a singularidade arquitectónica da Veracruz, “un dos grandes símbolos da identidade do Carballiño e unha das xoias do patrimonio ourensán”, e felicitou á Diocese de Ourense e a todas as persoas e entidades que fixeron posible esta celebración.
A Deputación sumouse a esta xornada histórica coa participación da Real Banda de Gaitas, que acompañou musicalmente a procesión inaugural, presidida polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet.

