- Ambos distritos sanitarios rexistraron 116 episodios de violencia ao longo do pasado ano 2025
- Segundo sinala o xerente José Flores Arias “se coidamos a quen nos coida, os nosos pacientes sexan os primeiros beneficiados e na nosa área de saúde non toleramos ningunha agresión verbal ou física aos nosos profesionais”
- A nova normativa da Xunta de Galicia desde o pasado 8 de abril incorpora, entre outras medidas pioneiras, a inclusión da violencia dixital e a protección dos profesionais ante gravacións non consentidas
A entrada en vigor o pasado 8 de abril da reforma da Lei de Saúde de Galicia supón un avance significativo na protección do persoal sanitario e non sanitario fronte ás agresións no eido asistencial, incorporando novas medidas de prevención e actuación que reforzan a seguridade dos profesionais do Sistema Público de Saúde na Comunidade Autónoma.
Entre as principais novidades da norma destaca a inclusión da violencia dixital coma conduta sancionable, xunto coa física e verbal, así coma a extensión desta protección aos técnicos de emerxencias sanitarias e do 061. Ademais, establécese a posibilidade de asignar a persoas agresoras outro profesional sanitario ou mesmo outro centro, co fin de garantir a seguridade da vítima.
A reforma tamén contempla que, no caso de gravacións en consulta sen consentimento, o profesional poida suspender a asistencia, deixando constancia na historia clínica, e garante en todo momento a atención sanitaria ao paciente. Así mesmo, introdúcese o Plan de prevención contra a violencia no ámbito sanitario e créase o Rexistro galego de actos de violencia externa.
116 episodios de violencia o pasado ano
Segundo os datos facilitados polo servizo de Recursos Humanos da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, ao longo do pasado ano 2025 rexistráronse un total de 116 episodios de violencia externa a persoal sanitario e non sanitario nambos distritos de saúde.
Concretamente, no distrito sanitario de Pontevedra contabilizáronse durante o pasado ano un total de 100 agresións, das cales 43 tiveron lugar no eido da Atención Primaria -con 3 agresións físicas e 40 verbais- mentres que outras 57 producíronse no entorno hospitalario -31 delas foron de índole física e 26 agresións foron verbais-.
Pola súa banda, no distrito sanitario de O Salnés rexistráronse durante o pasado ano un total de 16 episodios de violencia externa, dos que 9 corresponderon á agresións producidas no eido da Atención Primaria -sendo todas elas de carácter verbal- mentres que outras 7 sucederon no ámbito hospitalario -concretamente, 1 agresión foi física e as 6 restantes foron verbais-.
Así, no conxunto desta área de saúde, do total de 116 agresións rexistradas durante o pasado ano, 35 foron de carácter físico e 81 de carácter verbal, o que evidencia a necesidade de continuar reforzando as medidas de prevención e protección dos profesionais.
Coidemos a quen nos coida
A xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reitera a súa prioridade de garantir a seguridade do persoal por enriba de calquera outra circunstancia, cara a manter un axeitado entorno laboral. Segundo sinala o xerente José Flores Arias “se coidamos a quen nos coida, os nosos pacientes sexan os primeiros beneficiados. Na nosa área de saúde non toleramos ningunha agresión verbal ou física aos nosos profesionais, pois resulta incomprensible que tanto traballadores coma usuarios da Sanidade Pública sofran ditas situacións”.
Novamente, desde a Administración Sanitaria Pública galega lémbrase que o seu persoal ten consideración de autoridade na lexislación vixente e calquera tipo de agresión a este colectivo será sempre penalizada pola Lei. Deste xeito, a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés reitera a súa firme defensa do normal desenvolvemento do Servizo Sanitario Público para toda a poboación de referencia nambos distritos de saúde.
Obxectivo prioritario da Xunta de Galicia
Nesta mesma liña, coa entrada en vigor o pasado 8 de abril da reforma da Lei de Saúde de Galicia, a Xunta mantén coma obxectivo prioritario a loita contra as agresións no eido asistencial, elevando esta cuestión ao máximo rango normativo e consolidando un modelo de atención máis seguro tanto para os profesionais coma para a cidadanía das sete áreas de saúde da Comunidade Autónoma galega. Cómpre subliñar que en 2025 o número de episodios de violencia no total da Sanidade Pública foi de 950. Deles, 344 foron agresións físicas.

