A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés organiza na capital provincial a XXXI Reunión Galega de Tuberculose e Infeccións Respiratorias

Redacción
Lectura mínima de 5
  • Celebrada no salón de actos da sede de Afundación en Pontevedra, desenvolveu un completo programa no que se abordaron cuestións de relevancia clínica coma a epidemioloxía da tuberculose en España, a evolución dos virus respiratorios ou as novas opcións terapéuticas en patoloxías coma as bronquiectasias

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés organizou hoxe na cidade do Lérez a trixésimo primeira edición da Reunión Galega de Tuberculose e Infeccións Respiratorias, un encontro científico que reuniu a profesionais sanitarios co obxectivo de actualizar coñecementos e compartir avances no ámbito das enfermidades respiratorias.

Esta xornada, celebrada no salón de actos da sede de Afundación en Pontevedra, desenvolveu un completo programa no que se abordaron cuestións de relevancia clínica coma a epidemioloxía da tuberculose en España, a evolución dos virus respiratorios ou as novas opcións terapéuticas en patoloxías como as bronquiectasias. Así mesmo, analizáronse aspectos chave na diagnose e nas secuelas posteriores á tuberculose.

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés contou cunha participación destacada no Comité Organizador da XXXI Reunión Galega de Tuberculose e Infeccións Respiratorias a través de profesionais do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, entre eles Luis Anibarro García, da Unidade de Tuberculose do Servizo de Medicina Interna, e Adolfo Baloira Villar, do Servizo de Pneumoloxía, ambos integrantes do comité organizador deste encontro.

No marco desta xuntanza autonómica, o doutor Luis Anibarro interveu cunha ponencia que versou sobre a evolución da tuberculose en Galicia, salientando que “historicamente foi unha enfermidade cunha incidencia moi elevada na nosa Comunidade, aínda que grazas aos programas de control conseguiuse reducir dita afección ata valores próximos aos do conxunto do Estado”.

Non obstante, o doutor Anibarro advertiu de que “nos últimos anos detectouse un certo incremento desta incidencia, polo que resulta fundamental manter a vixilancia e reforzar as estratexias de prevención e diagnóstico precoz”.

Doenza infecciosa transmisible por vía respiratoria

Este especialista da Unidade de Tuberculose do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés lembrou que dita doenza é unha enfermidade infecciosa transmisible fundamentalmente por vía respiratoria e que “pode afectar a calquera persoa, aínda que é máis frecuente en colectivos en situación de vulnerabilidade, coma persoas con enfermidades previas, inmunosupresión ou con dificultades de acceso ao sistema sanitario”.

Pola súa banda o xefe de sección de Pneumoloxía do CHUP pontevedrés, o doutor Adolfo Baloira Villar, subliñou que “a nosa Area Sanitaria de Pontevedra e O Salnés conta con 15.000 pacientes con EPOC e, malia que non existen cifras exactas do número de doentes diagnosticados, pois a gran maioría de casos son detectados en Atención Primaria tan só chegando os máis graves aos centros hospitalarios, o noso servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario en Pontevedra atende 600 novas consultas anuais de pacientes con sospeita de enfermidade pulmonar obstrutiva crónica”.

Segundo engadiu o doutor Baloira Villar, “preto do 80% das causas que provocan a EPOC débense ao tabaco, sobre todo en mulleres. Con respecto ao 20% restante podería deberse á exposición a biomasa, coma por exemplo as cociñas de leña, e como en todas enfermidades crónicas existe certo compoñente xenético”.

Programa de ponencias

O programa de ponencias da XXXI Reunión Galega de Tuberculose e Infeccións Respiratorias incluíu relatorios e mesas redondas sobre cuestións coma a epidemioloxía da tuberculose en España, a cargo de Zaida Herrador Ortiz, do Centro Nacional de Epidemioloxía, Instituto de Saúde Carlos III, Madrid.

A epidemioloxía dos virus respiratorios centrou outra ponencia da doutora Matilde Trigo Daporta, do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés. Os novos tratamentos en bronquiectasias centraron a intervención do doutor Rafael Golpe, facultativo do Hospital Universitario Lucus Augusti.

A ponencia “Informe de anatomía patolóxica: granulomas, e agora que? Diagnóstico diferencial” correu a cargo do doutor Carlos Álvarez, do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés, mentres que o doutor Juan Francisco Medina Gallardo, do Hospital Universitario Virxe do Rocío de Sevilla analizou a casuística das lesións postuberculosas.

Compromiso da Área Sanitaria coa formación continuada

A participación neste tipo de encontros reforza o compromiso da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés coa formación continuada dos seus profesionais e coa mellora da calidade asistencial, favorecendo a actualización de coñecementos e a coordinación no abordaxe das enfermidades respiratorias.

Comparte este artigo