- As actuacións enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre os Gobernos autonómico e local co fin de conectar 12 vivendas da zona aos sistemas de tratamento de augas residuais municipais
- As empresas interesadas no contrato poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 30 de abril e os traballos contarán cun prazo de execución de cinco meses
Santiago de Compostela, 20 de abril de 2026.- A Xunta sacou a licitación por preto de 80.000 euros as obras de mellora do saneamento no camiño da Torroeira, na parroquia de Louredo, no concello pontevedrés de Mos.
As actuacións enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Concello de Mos, a través do que se comprometen a dotar de saneamento municipal a un total de 12 vivendas localizadas nesta zona, cunha poboación beneficiada estimada de 48 habitantes.
A nivel técnico, a actuación proxectada no camiño da Torroeira funcionará por gravidade ata a súa conexión co pozo existente próximo á estrada N-550 e compoñerase dun só ramal de aproximadamente 280 metros de lonxitude.
As empresas interesadas no contrato poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 30 de abril e os traballos -cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agrícola Común (Pepac) 2023-2027- contarán cun prazo de execución de cinco meses.
O saneamento na zona do camiño da Torroeira é unha das partes dun proxecto máis amplo do Concello de Mos para a mellora e ampliación integral da rede de saneamento municipal, que abrangue varias parroquias, entre elas a de Louredo.
Esta actuación enmárcase no compromiso da Xunta de apoio aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de augas do xeito máis eficiente e garantindo o acceso da súa veciñanza a servizos de calidade.
Aínda que o saneamento e o abastecemento son unha responsabilidade municipal, o Executivo galego leva anos prestando a súa colaboración técnica e financeira ás entidades locais que a necesitan no marco dunha estratexia coa que busca ofrecer unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga.
Neste sentido, os orzamentos deste ano de Augas de Galicia, cunha contía global de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025), destinarán 7 de cada 10 euros a abastecemento e saneamento -108,7 millóns de euros- e case a metade -73,6 millóns de euros-, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

