— Entre as medidas para axilizar e simplificar a tramitación, Ángeles Vázquez destaca a nova solicitude única e dixital para todos os procedementos, a homoxeneización de taxas e garantías nas tres provincias ou a posta en marcha do portal Galicia Litoral
— A próxima semana constituírase tamén formalmente o Foro do Litoral, máximo órgano colexiado de consulta e participación para a ordenación da costa en Galicia
— Subliña que se introduciron melloras notables para os operadores dos servizos de tempada, como a apertura ininterrompida destes establecementos desde Semana Santa ata o 31 de outubro ou a activación dun plan de vixilancia
— Resalta que o obxectivo da Xunta é compatibilizar a protección ambiental co impulso da vida e da actividade no dominio público marítimo-terrestre, como demostra o feito de que a superficie ocupada nesta zona é inferior ao 2%
— Considera que a reforma do Regulamento Xeral de Costas é un “asalto” ao litoral e ás competencias autonómicas e anuncia que o 6 de maio Galicia e o resto de comunidades costeiras acudirán ao Senado para exixir que se redacte unha nova lei
Un ano despois do acordo histórico asinado entre a Xunta e o Goberno central para a cesión das funcións, medios e servizos relacionados coa ordenación do litoral, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá no Parlamento os importantes avances acadados en materia de sostibilidade, eficiencia e transparencia na xestión da franxa costeira desde que Galicia puido asumila de forma directa e plena.
Durante a súa comparecencia a petición propia no pleno para informar dos pasos dados neste eido, a responsable autonómica explicou que cando o pasado 1 de xullo se fixo efectivo o traspaso das funcións e servizos para a xestión costeira, o seu departamento tivo que poñerse a traballar “contra reloxo” para tramitar expedientes que urxía resolver, sen contar coa colaboración do Goberno central e atopándose cunha realidade heteroxénea nas tres provincias costeiras que cualificou de “auténtico reino de taifas”.
A pesar dos obstáculos, a conselleira fixo fincapé nas importantes melloras introducidas nos últimos meses e cun impacto directo nas empresas e cidadáns que tiveron que facer ante a Xunta algún tipo de trámite relacionado coa ocupación da franxa costeira. En concreto, referiuse aos cambios na xestión das autorizacións para os servizos de tempada (chiringuitos de praia, terrazas, casetas de salvamento ou postos de alugueiro de canoas), que este ano, por primeira vez, poderán abrir de forma ininterrompida desde Semana Santa ata o 31 de outubro e cuxa autorización terá a mesma vixencia, tamén por primeira vez, con independencia da provincia na que se tramite.
Así mesmo, co fin de avanzar na tripla perspectiva coa que foi impulsada a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia —ambiental, social e económica—, Ángeles Vázquez recordou que este ano se convocaron, por primeira vez, axudas a promotores de chiringuitos para adaptar a imaxe destas instalacións á contorna, incidindo na súa sostibilidade e integración, ademais de activar un plan de vixilancia para garantir que as actividades de tempada cumpran e se axusten ao autorizado.
Trámites máis simples e áxiles
No eido administrativo, a conselleira tamén se referiu ás medidas impulsadas co fin de axilizar e simplificar a tramitación dos expedientes relacionados coa costa, cun total de 1.200 títulos habilitantes resoltos nos últimos 10 meses. Neste sentido, destacou a nova solicitude única e dixital para todos os procedementos do litoral, o que supuxo pasar de cinco tipos de formularios a un só; a homoxeneización dos importes das taxas e das garantías relativas a autorizacións e concesións en toda Galicia —cando ata agora, dixo, había “tres provincias e tres criterios diferentes”—, ou a posta en marcha do portal web Galicia Litoral con información útil e unificada á disposición da cidadanía.
Nesta liña, Ángeles Vázquez avanzou que se traballa no rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT), unha ferramenta que estará dispoñible este verán e coa que se busca garantir máis transparencia e seguridade xurídica a particulares, sectores e administracións; e tamén no decreto regulador do procedemento integrado para os títulos de intervención no litoral, unha medida de simplificación ambiciosa que pretende evitar duplicidades e trámites ante distintos organismos co mesmo fin, que se prevé que estea aprobado no segundo semestre.
En desenvolvemento dos novos instrumentos previstos na Loxilga, anunciou que a próxima semana se constituirá formalmente o Foro do Litoral, máximo órgano colexiado de consulta e participación para a ordenación da costa e do que formarán parte 20 representantes da sociedade civil, do ámbito académico e das administracións públicas.
De igual xeito, Ángeles Vázquez quixo destacar dúas medidas concretas e consideradas de carácter estratéxico para o desenvolvemento sostible da costa na propia lei.
Por un lado, referiuse ao futuro Camiño do Litoral, un itinerario de máis de 1.300 quilómetros dividido en 53 etapas, que se poderá comezar a percorrer desde este verán, tanto a pé como en bicicleta. E por outro, ao novo Catálogo de bens de valor cultural no litoral, dispoñible en formato dixital desde a semana pasada e no que se identifican 2.003 elementos representativos do noso patrimonio costeiro dos cales máis da metade serían susceptibles de destinarse a novos usos sempre e cando o proxecto sexa compatible e respectuoso cos valores que os fixeron merecedores de protección.
O obxectivo de todas as medidas postas en marcha ou impulsadas nestes meses para mellorar a xestión integrada da costa, segundo resaltou a conselleira, é facer compatibles o coidado medioambiental do patrimonio litoral co impulso da vida e da actividade económica no dominio público marítimo-terrestre. “Respectamos o noso legado pero tamén apostamos por un litoral cada vez máis vivo e fermoso”, declarou.
Como mostra e tras criticar aquelas voces que consideran que a presenza humana e o turismo sostible son incompatibles coa protección da costa, Ángeles Vázquez resaltou que en Galicia a porcentaxe de ocupación da superficie terrestre do DPMT é inferior ao 2%, en concreto, 270 hectáreas dunha superficie total de 15.071 hectáreas.
Neste sentido, asegurou que a intención do seu departamento é “protexer aínda máis o litoral” e con tal fin, en aplicación da Loxilga, traballa para ampliar a superficie de solo público en dominio público mediante a compra de parcelas que se poidan destinar nun futuro a realizar actuacións ambientais e de protección do patrimonio natural. “Queremos que a nosa costa se identifique aínda máis coa Galicia fermosa, coa Galicia con encanto e coa Galicia Calidade para a que xestionamos desde o rigor”, sentenciou.
Reforma do Regulamento de Costas
Para rematar e tras expoñer con detalle os pasos dados polo seu departamento desde a asunción efectiva das funcións, servizos e medios para a xestión do litoral, a conselleira denunciou que a comezos deste ano a Xunta se atopou “cun novo obstáculo”: o inicio por parte do Goberno central dun procedemento para reformar o Regulamento de Costas.
A representante da Xunta lembrou que o Executivo central iniciou os trámites sen informar previamente ás autonomías, dando pouco prazo para presentar achegas á consulta pública previa e sen convocar a preceptiva Conferencia Sectorial de Costas. Unha situación de escurantismo e de celeridade inxustificada, dixo, que se volveu repetir no trámite de audiencia e información pública do anteproxecto de real decreto, publicado o 9 de marzo sen a preceptiva Memoria de análise de impacto normativo (MAIN) e no que inicialmente se outorgou un prazo de só 18 días hábiles para alegar.
Tal e como subliñou, foi a presión exercida desde a Xunta, con accións como a carta que ela mesma lle enviou á ministra advertindo dos múltiples defectos de forma existentes no procedemento ou a súa viaxe a Bruxelas no mes de marzo para pedir amparo á Comisión Europea, a que levou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a rectificar, ampliando o prazo de alegacións ata o 15 de abril —fronte ao 1 de abril inicialmente previsto— e enviando a correspondente MAIN ás comunidades.
En todo caso, a conselleira insistiu no rexeitamento da Xunta á reforma nos termos propostos, unha oposición que se plasmou a semana pasada na presentación das súas alegacións ao anteproxecto de Real Decreto cos argumentos principais de que invade competencias exclusivas atribuídas a Galicia, vulnera dereitos consolidados polos titulares de concesións e xera un escenario de inseguridade xurídica que, ademais de non resolver o problema do expediente aberto pola Comisión Europea contra España, derivará nunha avalancha de litixios e recursos por parte dos afectados que terá un grave impacto económico nas arcas autonómicas polas indemnizacións.
Tras lembrar que o Goberno central segue sen convocar a Conferencia Sectorial de Costas —algo obrigatorio por lei cando se pretende facer unha modificación lexislativa—, a conselleira explicou que a Xunta exixiu tamén nas súas alegacións a suspensión inmediata da tramitación do regulamento e que se convoque canto antes ás comunidades para abrir un proceso de diálogo nunha cuestión transcendental para elas.
Por iso, anunciou que o vindeiro 6 de maio Galicia e o resto de rexións costeiras afectadas acudirán ao Senado para amosar a súa oposición a esta modificación regulamentaria e exixir que se redacte, desde o consenso, unha nova lei estatal.
“Estamos ante un asalto á nosa costa”, denunciou a conselleira, quen rematou a súa intervención reprochando que ao Goberno central “non lle importan nin as sentenzas do Constitucional nin as competencias autonómicas” a pesar de que, tal e como incidiu, a Xunta “fixo en 10 meses moitas cousas” na costa que o Estado non foi capaz de facer durante os anos en que ostentou a xestión do litoral en Galicia.

