— Román Rodríguez avanza que iniciativas como Metaverso FPGal, de adestramento en contornas virtuais, facilitará o labor do profesorado e a capacitación do alumnado
— Destaca tamén a creación da figura do profesor investigador e o reforzo da formación de alta especialización baixo a coordinación do Centro Eduardo Barreiros
— O novo plan, dotado con case 30 M€, suporá o impulso definitivo á transferencia da investigación e a innovación da FP aos sectores produtivos
— Para iso, créase a Rede de Centros de Innovación Avanzada na FP e poranse en marcha 50 espazos de tecnoloxía avanzada
— Favorecerase a creación de empresas de base tecnolóxica a través da propia FP, mediante 60 nodos de innovación e a publicación dun decreto de patentes
— Impulsaranse os proxectos de innovación en colaboración coas empresas, como os que se exhiben nesta feira na Cidade da Cultura ata o vindeiro venres
— Está programada a visita de arredor de 10.000 alumnos a este evento, que tamén está aberto ao público xeral e ofrece obradoiros e experiencias de simulacións
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na apertura do Congreso FP Innova 2026, onde destacou que o novo Plan Innova FP Galicia 2026-2030, que leva aparellado un orzamento de preto de 30 M€, vai poñer a disposición do profesorado destas ensinanzas novos recursos para facilitar a docencia, ao tempo que se completa e mellora a cualificación do alumnado. “Isto situará a nosa Formación Profesional na vangarda da docencia ao servizo da mellor capacitación dos estudantes”, destacou o titular de Educación da Xunta, que visitou a feira onde se exhiben os proxectos de innovación e emprendemento do alumnado, xunto á directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
Entre estes novos recursos destaca Metaverso FPGal, un hub de ferramentas de realidade estendida con plataformas de adestramento en contornas virtuais. Así mesmo, co apoio do Centro Eduardo Barreiros, desenvolverase unha plataforma integral para reforzar o aproveitamento das novas tecnoloxías no día o día dos centros, integrada por tres programas: Capacita FP, Simula FP e Orienta FP.
O primeiro deles consiste no desenvolvemento dunha plataforma intelixente e disruptiva para xeración automática de experiencias prácticas, adaptativas e personalizadas dirixidas á formación en tecnoloxías emerxentes; mentres que o segundo é un sistema de simulación avanzada intelixente que permitirá a práctica en contornas realistas e inmersivas, adaptadas ás diferentes especialidades e nivel formativo. O terceiro programa facilitará a orientación profesional e a planificación educativa a través da recomendación de itinerarios personalizados que adapten a oferta de FP ás necesidades do mercado laboral. A maiores, desenvolveranse aplicacións que, co uso da intelixencia artificial, permitan avanzar en áreas como a internacionalización ou a orientación, enriquecendo as xa existentes como Vetinen ou OPI Orienta.
“O conxunto destes recursos vai permitir avanzar cara un sistema mixto, no que ao bo facer dos docentes se sumen as posibilidades das tecnoloxías máis punteiras”, dixo o conselleiro. “Isto vai redundar en profundas transformacións tanto na metodoloxía de traballo dos docentes como na forma de aprender dos alumnos”, abondou.
700 docentes e 41 empresas
Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, sinalou o profesorado como eixe fundamental para o avance e consolidación da I+D+i da FP galega. Nesta xornada técnica, na que participan arredor de 700 docentes e representantes de 41 empresas, puxo en valor o traballo desenvolvido ata o momento “do que son unha excelente mostra os proxectos de innovación e emprendemento que se poden visitar desde hoxe ata o venres na feira FP Innova e que nacen de profesores proactivos que buscan ofrecer a mellor formación aos seus alumnos”.
Tal e como explicou, o novo Plan Innova FP Galicia reforza a aposta pola investigación e innovación aplicada nestas ensinanzas, cun orzamento de case 30 M€. “De novo facemos fincapé no papel central dos docentes, intensificando tamén a súa formación de alta especialización baixo a coordinación do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, un referente neste eido”. Entre outros ámbitos, farase fincapé na ciberseguridade e no coñecemento da computación cuántica e do big data.
O conselleiro salientou tamén a creación da nova figura de profesor investigador, persoas xeradoras de proxectos de investigación e innovación aplicada, que contribuirán á consecución dos obxectivo do plan.
Novas titulacións especializadas
Román Rodríguez incidiu, así mesmo, en que o novo Plan Innova FP Galicia vai supoñer o impulso definitivo á transferencia da investigación e innovación aplicada que se realiza nestas ensinanzas aos sectores produtivos. Para iso, crearase a Rede de Centros de Innovación Avanzada na FP galega, centrada nos en 12 ámbitos prioritarios de especialización da Comunidade, acorde ao Plan de I+D+i de Galicia 25-27, favorecendo así dinámicas de transferencia ás empresas.
No marco desta rede habilitaranse 50 espazos de tecnoloxía avanzada, poranse en marcha unha ducia de ciclos de innovación avanzada en colaboración con empresas, entidades, universidades e centros tecnolóxicos e outras tantas cátedras profesionais de tecnoloxía avanzada en colaboración con empresas a través de retos empresariais.
A maiores, potenciarase o programa InnovaTech FP, a través do que o alumnado dá resposta a retos tecnolóxicos propostos por empresas, así como a convocatoria de premios a proxectos de innovación desenvolvidos polos centros de FP.
Tamén se favorecerá a creación de empresas de base tecnolóxica a través da propia FP, mediante 60 nodos de innovación e o impulso á xeración de patentes. Para darlle sustento, a Consellería de Educación traballa xa na elaboración dun decreto polo que se regulará a protección, explotación e transferencia da propiedade industrial e intelectual no ámbito da FP.
Máis de 70 iniciativas innovadoras
Tras a apertura do congreso, o conselleiro visitou o espazo expositivo da feira FP Innova. Nos seus 4.100m² o alumnado e o público en xeral pode achegarse a máis de 70 proxectos de innovación e emprendemento desenvolvidos por 38 centros de toda a xeografía galega en colaboración con empresas. O evento conta, ademais, con 14 obradoiros que permitirán ao alumnado visitante experimentar en primeira persoa con tecnoloxías e técnicas como a creación de videoxogos, a biotecnoloxía, a impresión 3D, a robótica, a programación en linguaxe natural ou as artes gráficas.
Así mesmo, a feira conta cunha exposición de robótica, na que se pode ver en funcionamento desde modelos humanoides e bípedos, ata dispositivos deseñados especificamente para o coidado e asistencia de persoas, poñendo a tecnoloxía ao servizo do benestar social; así como demostracións en vivo sobre ciberseguridade, un espazo dedicado a tecnoloxías inmersivas e un simulador de voo de corpo completo que combina movemento físico e sensación de vento onde os visitantes experimentan unha vivencia hiperrealista.
A feira pode visitarse ata o venres, con entrada libre e de balde, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, en horario de 10,00 h a 14,00 h e de 16,00 h a 19,00 h, os días 22 e 23, e a mañá do 24. Toda a información está dispoñible no Portal educativo.
Os proxectos poden consultarse no dossier anexo.

