- Ángeles Vázquez salienta que a Xunta está a cumprir co mandato comunitario e insiste na importancia de que o Goberno central faga o mesmo para poder impulsar a implantación de proxectos renovables co fin de acelerar a descarbonización
- Celebra que o bloqueo xudicial sen precedentes que mantén 85 parques suspendidos en Galicia comece a corrixirse grazas á doutrina europea, ás sentenzas do Tribunal Supremo e ao rigor técnico da Xunta na tramitación ambiental destes proxectos
A Xunta de Galicia defendeu esta mañá a necesidade de que o Goberno central traspoña a última Directiva comunitaria sobre enerxías renovables á normativa española para recoñecer, de forma explícita e inequívoca, o interese público superior dos parques eólicos como un sector clave para avanzar cara ao obxectivo de neutralidade climática.
En resposta a unha pregunta no pleno do Parlamento sobre as resolucións xudiciais de suspensión da tramitación deste tipo de iniciativas en Galicia, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, incidiu en que a Xunta cumpre desde hai tempo co mandato europeo recollido na referida directiva, que ten como fin seguir avanzando na implantación de enerxías renovables e acelerar a descarbonización.
Por iso, a responsable autonómica considerou fundamental que o Goberno central siga a exemplo de Galicia e acometa canto antes esta transposición normativa. De feito, recordou que a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra España precisamente por non adaptar a lexislación nacional neste eido.
Tras lembrar que a día de hoxe hai suspendidos na Comunidade 85 parques eólicos cunha potencia asociada de máis de 2.300 MW, sinalou que a Xunta cre firmemente “na independencia e imparcialidade xudicial”. En todo caso, lembrou tamén que esta situación de parálise xudicial en Galicia é un caso ”insólito e único” en Europa e lamentou que, a pesar de facer o que pide Bruxelas, a xudicialización dos proxectos autorizados polo Executivo galego impida seguir coa súa implantación no territorio.
Neste sentido, Ángeles Vázquez celebrou que o bloqueo “sen precedentes” que sofre este sector en Galicia comece a “corrixirse” grazas á doutrina comunitaria, ás catro sentenzas do Tribunal Supremo e ao fallo do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que avalaron nos últimos anos a tramitación das autorizacións por parte da Xunta e ao rigor dos técnicos que se encargan da avaliación ambiental destes proxectos.

