- José González defende a importancia de deseñar, da man dos axentes sociais, un plan de acción para reducir o impacto do absentismo en Galicia, tendo en conta o informe elaborado por expertos das universidades de Santiago de Compostela e Vigo
- Indica que se propoñerán para a súa valoración accións en liña coa AIReF, como a posibilidade de implantar protocolos de seguimento nas empresas ou mecanismos de reincorporación progresiva para garantir o benestar laboral do traballador
- Sinala a necesidade de afrontar esta realidade a todos os niveis da Administración, tanto autonómica como estatal, lembrando que a propia OCDE alerta a España —que encabeza a incidencia na UE— do imperativo de adoptar medidas neste ámbito
- Insiste en que o obxectivo da Xunta é blindar os dereitos dos traballadores e que as cifras evidencian un desafío para o que existe unha ampla marxe de mellora en eidos como a prevención ou os procesos de xestión e control
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, avanzou hoxe que o obxectivo da Xunta é presentar entre os meses de maio e xuño, no marco do Diálogo Social, os primeiros avances do plan integral contra o absentismo laboral en Galicia, co fin de poñer en consideración de sindicatos e empresarios posibles medidas para facer fronte a unha problemática que impacta directamente na produtividade galega. Sempre —puntualizou— co máximo respecto aos dereitos lexítimos das persoas traballadoras. Tamén avanzou que neste mesmo seo se abordará o deseño da próxima Estratexia de Benestar Laboral na que está a traballar a Xunta e que incidirá, entre outros aspectos, na prevención do absentismo.
Así o destacou hoxe nunha entrevista no programa Bos Días da Televisión de Galicia (TVG), onde explicou que para o Goberno galego resulta clave o traballo conxunto entre a Administración e os axentes sociais para avanzar neste ámbito. Neste sentido, indicou que se propoñerán —para a súa valoración— actuacións en liña coas recomendacións da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), entre as que citou a posibilidade de implantar protocolos de seguimento das baixas nas empresas ou mecanismos de reincorporación progresiva, sempre que se dean na persoa traballadora as condicións de alta determinadas polo Servizo Público de Saúde para garantir o seu benestar laboral. Tamén, no eido sanitario, o reforzo do apoio aos médicos de Atención Primaria —que seguen sendo, remarcou, os que teñen as competencias nas baixas e altas—, así como a creación de unidades especializadas para as incapacidades máis frecuentes.
O obxectivo, explicou, é buscar solucións a unha realidade que incide de maneira directa na economía galega “tal e como debe facer un Goberno responsable”. Neste sentido, fixo referencia ás cifras recollidas no informe elaborado polas universidades de Santiago de Compostela e de Vigo, posto este luns a disposición do Diálogo Social tras a aprobación, ese mesmo día, do decreto que o institucionaliza. Así, lembrou que o impacto do absentismo no PIB acada os 2.200 M€ e que Galicia se sitúa como a segunda comunidade autónoma en porcentaxe de xornadas perdidas (7,6 %, fronte ao 6,3 % estatal), mentres que achegarse á media estatal suporía un aforro potencial de 170 M€.
Foco na cooperación
Fronte a estas cifras, González apelou a abordar esta realidade “sen ruído nin demagoxias”, senón desde o consenso e a cooperación.
Así, na entrevista, o conselleiro incidiu na importancia de desenvolver un plan integral que afronte o problema a todos os niveis da Administración, tanto autonómica como estatal, implicando tamén a empresarios e sindicatos.
Remarcou que o obxectivo da Xunta é “blindar os dereitos dos traballadores” e puntualizou que causas estruturais galegas, como o avellentamento da poboación, só explican un terzo da fenda de Galicia co resto das comunidades autónomas, polo que “existe unha ampla marxe de mellora”. Neste sentido, apostou por reducir as baixas potencialmente evitables, reforzar a prevención de riscos e o benestar laboral, así como mellorar os procesos de xestión e control.
Tamén amosou a súa incomprensión polas declaracións realizadas pola vicepresidenta Díaz sobre unha suposta invasión de competencias, subliñando que Galicia actúa dentro do seu ámbito competencial e lembrando que cuestións dependentes da Seguridade Social, como as baixas de máis dun ano, presentan un notable colapso administrativo. Ademais, sinalou que a propia OCDE alerta a España da necesidade de adoptar medidas neste ámbito, nun contexto no que o país encabeza a incidencia do absentismo no conxunto da UE. Ao mesmo tempo, cualificou de sorprendente que se cuestione a Galicia por poñer o foco neste eido cando o propio Goberno central impulsa iniciativas como a creación do Observatorio Estatal da Incapacidade Temporal.

