O BNG esixe á Deputación de Pontevedra que non exclúa a música en galego do Galicia Fest

Redacción
Lectura mínima de 3

A fronte nacionalista denuncia a reducida presenza de artistas galegos e critica a ausencia “practicamente total” de música na nosa lingua

A deputada provincial do BNG, Manuela R. Pumar, anuncia que interpelará no Pleno deste venres a vicepresidenta da Deputación para lle esixir que amplíe a programación

Xabier P. Igrexas: “Vemos como Luísa Sánchez é unha alumna avantaxada das políticas culturais galegófobas tanto da Xunta de Galiza como do Concello de Vigo, excluíndo de maneira inxustificábel a música en galego”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de esixir á Deputación de Pontevedra que rectifique o cartel do Galicia Fest para garantir a presenza de música en galego e evitar un modelo “excluínte” que deixa fóra a creación musical na nosa lingua.

A deputada provincial do BNG, Manuela Rodríguez, anunciou que interpelará á vicepresidenta da Deputación, Luísa Sánchez, no pleno deste venres para demandar que se amplíe a programación de actuacións co obxectivo de ampliar o número de grupos locais e galegos como para garantir a presenza de música en galego.

Rodríguez criticou que apenas 6 das 15 actuacións anunciadas, nun evento que conta co apoio da Xunta de Galiza, son artistas ou grupos do noso País, e subliñou a ausencia clamorosa de música na nosa lingua.

De por parte, o  portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou que o festival “o máis galego que ten é o nome”. “O máis grave é a ausencia practicamente total de música en galego”, denunciou, cuestionando que unha iniciativa promovida por unha administración pública galega deixe fóra a produción cultural propia.

“Alumna avantaxada das políticas galegófobas”

Igrexas cargou contra a vicepresidenta da Deputación, Luísa Sánchez, á que cualificou como “unha alumna avantaxada das políticas culturais galegófobas tanto da Xunta de Galiza como do propio Concello de Vigo, excluíndo de maneira inxustificábel a música en galego”.

Neste sentido, subliñou que esta decisión resulta especialmente “incomprensíbel” nun momento no que “a escena musical na nosa lingua é máis potente do que nunca, con grupos e artistas de primeirísimo nivel”.

O portavoz do BNG na cidade olívica lembrou que a vicepresidenta provincial comprometera que o festival ía dar espazo á música viguesa e ter “acento galego”, mais advertiu de que “o cartel confirmado demostra que nada diso vai haber”. “Está aínda a tempo de rectificar”, concluíu.

Con ese obxectivo a fronte nacionalista demandará na Deputación que o Galicia Fest “sexa un espazo para a nosa música en lugar de replicar o mesmo esquema excluínte que volve definir, un ano máis, o programa de concertos do Concello en Castrelos”.

Comparte este artigo