A asociación desenvolve ao longo do ano múltiples actividades, como excursións, cursos e comidas populares, organizadas tanto pola propia entidade como pola comisión de festas de Cabrui, consolidándose como un auténtico punto de encontro veciñal e un axente dinamizador do rural
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na comida popular organizada pola Asociación de Veciños Cabrui-Cruceiro, un encontro que reuniu a numerosos veciños e veciñas nun ambiente de convivencia e celebración.
Durante a súa visita, a representante autonómica puxo en valor o importante labor desta entidade, fundada no ano 1984 e que conta na actualidade con entre 250 e 300 socios. A asociación desenvolve ao longo do ano múltiples actividades, como excursións, cursos e comidas populares, organizadas tanto pola propia entidade como pola comisión de festas de Cabrui, consolidándose como un auténtico punto de encontro veciñal e un axente dinamizador do rural.
Así mesmo, destacou que a Xunta apoiou recentemente a realización de obras nas instalacións do local social, concretamente a creación dunha cociña nun espazo do centro que carecía de actividade. O obxectivo desta actuación foi dotar tanto á asociación como á comisión de festas dun recurso fundamental para o desenvolvemento das súas actividades lúdicas e gastronómicas, xa que ao longo do ano se celebran numerosas xuntanzas de confraternidade entre socios e veciños. A delegada subliñou que esta mellora permitiu, ademais, a posta en marcha de cursos de cociña, unha demanda existente entre os usuarios.
A delegada lembrou que a Xunta conta coa orde de axudas do Plan específico comunitaria, en concorrencia competitiva, destinada a estes colectivos, así como a asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas, que conta cun orzamento de 3 millóns de euros e que este ano xa pechou o prazo de solicitudes.
A representante do Goberno autonómico lembrou que as subvencións contan con dúas liñas. Unha contía de 2,6 millóns destínase a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións de veciños e de mulleres rurais, con actuacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, paramentos interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, sistemas de climatización, saneamento ou electricidade. Na segunda liña, dotada con 400.000 euros, investiranse en apoio á dotación de equipamento para o funcionamento destas entidades e a organización de actividades específicas, incluíndo mobiliario, equipamento informático e sistemas acústicos e audiovisuais. As axudas económicas poderán acadar a totalidade do investimento cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para obras e de 5.000 euros para equipamento.
Neste senso, apuntou que ano pasado na provincia repartironse 72 axudas por case 550.000 euros e na comarca de Ordes seis asociacións recibiron 8 axudas, de Mesía, Cerceda, Oroso, Trazo e Tordoia por un importe de máis de 77.000 euros.
Neste sentido, Belén do Campo destacou o dinamismo da Asociación de Veciños Cabrui-Cruceiro, salientando a súa constante disposición para traballar e mellorar os servizos e instalacións co fin de ofrecer o mellor aos seus veciños e veciñas.
A xornada rematou cun ambiente festivo, reafirmando o papel destas entidades como elementos clave para fortalecer a cohesión social e a vida comunitaria no rural.

