- Román Rodríguez visita as obras ás que a Consellería destinou máis de 630.000 € co fin de dotalo desta área deportiva e de lecer
- Destaca que o Goberno galego está a investir máis de 25 M€ en obras de renovación e modernización nos centros do Salnés- Arousa ao abeiro do Plan de nova arquitectura
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultados das obras realizadas no CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión (Vilanova de Arousa), nas que a Xunta investiu máis de 630.000 €. O obxectivo foi dotar o centro dun espazo multifuncional para deporte e lecer.
Tal e como detallou o conselleiro, trátase dunha nova pista cuberta de 400 m², que se pode empregar tanto para Educación Física como como patio nos días de choiva. Conta cunha cuberta de panel tipo sándwich opaco e panel policarbonato translucido e un soportal de conexión, de 80 m², en continuidade co existente no colexio. A maiores, construíuse unha nova escaleira cara ao nivel inferior no que, aproveitando o desnivel do terreo, se creou un almacén de 190 m².
Román Rodríguez sinalou que a obra precisou dun intenso traballo previo, no que houbo que mellorar o terreo para a nova pista. Así mesmo, destacou que a nova infraestrutura se combina con amplos espazos descubertos ao aire libre, como unha pista exterior de 430 m² e unha zona verde de 520 m².
“En definitiva, a comunidade escolar deste colexio conta agora cuns completos espazos deportivos e de lecer dos que poden gozar con independencia das condicións climatolóxicas”, afirmou o conselleiro. Neste mesmo sentido, lembrou que esta intervención entronca cos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica de dotar os centros de espazos flexibles que poidan empregarse para diferentes funcións.
Máis de 25 M€ no Salnés
Román Rodríguez subliñou que a Xunta está a investir máis de 25 M€ en obras de renovación e modernización dos centros de ensino do Salnés-Arousa no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica. No caso concreto de Vilanova, cómpre salientar o recente remate das obras de reforma interior do CEIP Plurilingüe de San Roque (165.000 €), ademais doutras intervencións de menor envergadura no resto dos centros do concello.
O obxectivo da intervención en San Roque foi reformar tres vivendas de mestres, que estaban sen uso, para dotar o colexio dun novo comedor. Conta cunha zona de preparación e montaxe dos menús e zona de almacén. Tamén se realizaron dous novos aseos para uso do comedor e dúas estancias-despachos e mellorouse o illamento térmico do conxunto.

