Acusa os populares de “mercenarios da patronal” por alentar o medo a estar de baixa e reprocha a abstención socialista ante o plan do Goberno galego de endurecer os controis
A fronte nacionalista reclama reforzar a Atención Primaria, abandonar a estratexia de privatización a través das mutuas e máis políticas de prevención diante da sinistralidade
Xabier P. Igrexas: “Queren seguir forzando a traballar a persoas aínda que estean enfermas, e que xa padecen a presión, a coacción e as ameazas das propias empresas”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) critica que PP e PSOE tombasen este luns no Pleno de Vigo a súa moción en defensa das traballadoras e traballadores ante a “criminalización” das baixas laborais por parte da Xunta de Galiza. A fronte nacionalista acusa os populares de “mercenarios da patronal” por alentar o medo a estar de baixa e reprocha a abstención socialista diante da pretensión do Goberno galego de endurecer os controis.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lamentou que para o PSOE os dereitos das máis de 147.000 traballadoras e traballadores de Vigo non sexan unha cuestión de cidade ou un asunto que deba preocupar ao Pleno, en resposta ao que cualificou como “escusas tristes” do voceiro socialista, Carlos López Font, para xustificar a abstención. “O dereito a baixa médica non é logro de ningún Goberno senón unha conquista histórica do movemento obreiro e da loita sindical”, reivindicou ante as afirmacións do grupo socialista.
Igrexas cargou con dureza contra o PP acusando os populares de criminalizar as traballadoras e traballadores de baixa co plan anunciado polo presidente galego, Alfonso Rueda, durante o pasado Debate do Estado da Nación. “O que prexudica á clase traballadora é que a Xunta de Galiza acabe por alentar o medo a coller unha baixa”, subliñou, censurando que os populares falen de abuso e relacionen o absentismo laboral coa produtividade.
Sinalou a ese respecto que Galiza ten o segundo menor índice de baixas laborais de todo o Estado, con 27 por cada 1.000 afiliados fronte á media estatal de 40. Por contra, alertou, lidera as estatísticas de sinistralidade laboral, con 43 mortes no traballo o pasado ano a nivel galego e 59.045 accidentes laborais rexistrados dende 2009 na cidade de Vigo. Entidades como a Organización Internacional do Traballo ou a Organización Mundial da Saúde non consideran como absentismo laboral unha baixa médica por enfermidade.
Traballar enfermas
“Vostedes o que queren é seguir forzando a traballar a persoas aínda que estean enfermas”, manifestou Igrexas, lembrando que estas traballadoras e traballadores “xa padecen diariamente a presión, a coacción e as ameazas” das propias empresas, entre as que puxo o exemplo de Mercadona. “É dun cinismo aterrador que queiran presentar esta medida como unha mellora en favor da clase traballadora”, valorou.
O portavoz municipal do BNG alertou tamén do “acoso por parte desas axencias de terrorismo patronal que son as mutuas” contra as empregadas e empregados de baixa. Advertiu da “deriva privatizadora” da Xunta por tratar de derivar competencias e recursos públicos en materia de saúde laboral cara estas mutuas, co obxectivo de que dificulten e endurezan o acceso ás baixas laborais.
Medidas do BNG
A moción do BNG tombada polo PP e o PSOE no Pleno demandaba ademais un reforzo da Atención Primaria, denunciando que o “seu desmantelamento e os recortes” provocan listas de espera que atrasan os diagnósticos e os tratamento, e alargan os tempos de recuperación. E fronte ao elevado número de accidentes e mortes no traballo, a fronte nacionalista reclamaba un incremento das políticas de prevención de riscos e da vixilancia por parte da Xunta como autoridade laboral ante o “xeneralizado incumprimento”.

