Concello e Eurored clausuran a formación pioneira que capacita a doce mariscadoras como redeiras profesionais

Redacción
Lectura mínima de 3

– A alcaldesa, Digna Rivas, entregou os diplomas que acreditan a formación técnica en construción e reparación de redes e aparellos de pesca. A iniciativa, financiada pola Concello cun investimento de 13.000 euros, ofrece ás participantes unha alternativa laboral fronte á crise do marisqueo.

 O Concello de Redondela e o Grupo Eurored celebraron hoxe o acto de clausura e entrega de diplomas do curso de formación técnica en redería dirixido a mariscadoras locais. Esta iniciativa pioneira, que contou coa participación de 12 mulleres, remata tras dous meses de intensa aprendizaxe teórica e práctica nas instalacións da empresa redondelá.

As alumnas recibiron o título que certifica os seus coñecementos en construción, montaxe e reparación de artes de pesca. O curso, impartido polo Director Técnico de Grupo Eurored, Javier Blanco, permitiulles dominar desde o uso de materiais e fibras ata cálculos de montaxe e técnicas de corte e confección.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a importancia estratéxica desta iniciativa: “Con esta formación damos un paso fundamental para garantir o futuro laboral das nosas mariscadoras. O sector do marisqueo vive momentos moi difíciles pola elevada mortaldade do marisco e o cambio climático. Con este curso dispoñen dunha alternativa de emprego nun oficio con moita demanda”.

Rivas subliñou que este proxecto, financiado pola área de Igualdade con máis de 13.000 euros, é un exemplo de colaboración público-privada: “Dende o Goberno local fixemos este esforzo porque cremos firmemente na formación como ferramenta de autonomía. Queremos que o traballo artesanal relacionado co mar evolucione cara a unha profesión técnica de alto nivel que poida ser un complemento ou unha saída laboral definitiva para elas”.

Pola súa banda, Blanco amosouse moi satisfeito cos resultados: “As alumnas teñen os coñecementos para traballar como redeiras, dominan as técnicas que demanda a frota do sector náutico-pesqueiro para manter en perfecto estado as redes“.

As participantes valoraron moi positivamente esta oportunidade, que lles permita “diversificar” a súa actividade económica, especialmente nun contexto onde o marisqueo a pé está moi limitado pola estacionalidade e as vedas.

Ao acto de clausura tamén asistiron o concelleiro de Emprego, Alberto Álvarez, así como responsables do Grupo Eurored, quen reafirmaron o seu compromiso co fortalecemento do tecido laboral de Redondela.

Comparte este artigo