— Ángeles Vázquez indicou que esta novidade se incluirá na renovación do convenio que anualmente asinan a Consellería e a Federación para avanzar na eliminación das barreiras comunicativas e favorecer a integración social das persoas xordas
— Manteranse as visitas guiadas con intérpretes de lingua de signos a espazos protexidos e os cursos de formación a persoal dos parques naturais nesta lingua
A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG) porán en marcha un programa de voluntariado inclusivo nos espazos naturais galegos, segundo acordaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a presidenta da entidade, María Alonso, durante unha reunión que mantiveron hoxe.
Segundo indicou Ángeles Vázquez, a posibilidade de que integrantes de asociacións pertencentes á FAPXG poidan facer traballos de voluntariado en diferentes espazos naturais será a novidade que se incluirá na renovación do convenio que anualmente asinan a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e a Federación para avanzar na eliminación das barreiras comunicativas e favorecer a integración social das persoas xordas.
O obxectivo do Goberno galego con este convenio —para o que achegará un financiamento de 10.000 euros— é facilitar o coñecemento e o acceso das persoas xordas e xordo-cegas aos principais espazos naturais protexidos da Comunidade, así como a aquelas instalacións públicas destinadas a divulgar información sobre os mesmos, como os centros de interpretación e as aulas da natureza.
Así, seguirán manténdose as visitas guiadas con intérpretes de lingua de signos para facilitar a participación das persoas xordas e que poidan gozar plenamente da experiencia de percorrer e coñecer os principais espazos naturais protexidos de Galicia.
Deste xeito, a Federación comprométese a ofrecer un servizo especializado neste tipo de accións, garantindo unha comunicación real e efectiva entre persoas xordas, xordo-cegas e persoas oíntes a través da posta á disposición de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes para apoiar ás persoas xordo-cegas. Ademais, entre as obrigas asumidas pola FAPXG tamén figura a realización de códigos QR adaptados á linguaxe de signos para a súa colocación nos espazos naturais de Galicia.
A maiores, este ano tamén se realizarán os cursos en lingua de signos ao persoal dos parques naturais galegos que se puxeron en marcha o pasado ano 2025 con grande éxito de participación. Na primeira edición desta formación participaron unha trintena de persoas que aprenderon o vocabulario máis frecuente relacionado co medio ambiente.

