Rueda salienta o inicio das obras do IES Domingo Villar como o proxecto educativo “máis ambicioso” da historia de Vigo cun investimento de 18 M€

Redacción
Lectura mínima de 6
  • Destaca que o centro será o primeiro de Galicia construído integramente baixo o Plan de nova arquitectura pedagóxica e dará servizo a uns 700 alumnos e alumnas
  • Na visita ao centro tivo lugar o soterramento dunha urna cunha obra do autor, varios xornais do día e un plano de Navia, a modo de colocación da primeira pedra
  • Asegura que a previsión do Executivo autonómico é rematar as obras en vinte e un meses para comezar a actividade lectiva no curso 2028-2029
  • Reafirma a aposta estratéxica polo barrio de Navia, onde o Goberno galego ten en marcha máis de 900 vivendas públicas e un investimento comprometido de 249 M€

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o novo IES Domingo Villar, que estará situado no barrio vigués de Navia, como o “máis ambicioso” realizado ata a data na cidade en materia educativa, cun investimento de preto de 18 millóns de euros para crear un centro punteiro a nivel nacional.

Así se referiu nunha visita ao inicio das obras do novo centro, na que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de familiares do escritor, e onde tivo lugar o soterramento dunha urna -na que se inseriu unha obra de Domingo Villar, varios xornais do día e un plano de Navia- a modo de colocación da primeira pedra. Así, o presidente salientou o acerto do nome como unha homenaxe a un autor tan importante para as letras galegas: “É moi salientable que o instituto que vai supoñer un dos maiores investimentos nun centro educativo da Xunta leve o nome de Domingo Villar e que o fagamos aquí, en Vigo. Servirá para honrar sempre a súa memoria”, apuntou.

O novo instituto, que ocupará unha superficie de 8.200 m² e dará servizo a uns 700 alumnos e alumnas, “vai ser o primeiro gran investimento que leve todas as melloras e as novas ideas do futuro que supón o Plan de arquitectura pedagóxica da Xunta. Un plan que aquí vai ser unha realidade desde o principio ata o final”.

Trátase dun deseño que aposta pola innovación, a flexibilidade, a adaptación ás necesidades actuais da aprendizaxe, a eficiencia enerxética e as zonas verdes. Así, o centro contará con espazos versátiles que poderán reorganizarse mediante tabiques móbiles, así como con zonas comúns pensadas para fomentar o traballo colaborativo e a interacción entre alumnado e profesorado.

Ademais, aplicaranse criterios de accesibilidade universal, avanzando na inclusión de todas as persoas, e cada nivel educativo disporá do seu propio conxunto de espazos, incluíndo aulas ordinarias, aulas de desdobre e áreas comúns, o que permitirá axustar a organización ás distintas dinámicas pedagóxicas.

Durante o encontro, Rueda recoñeceu que o camiño ata aquí “non foi tan rápido como todos desexabamos” e tivo que superar cuestións alleas ao Goberno galego, principalmente relacionadas coa tramitación das licenzas municipais e os requirimentos de organismos estatais. Con todo, asegurou que a previsión do Executivo autonómico é rematar as obras en vinte e un meses para comezar a actividade lectiva no curso 2028-2029.

Aposta da Xunta por Vigo

A construción do IES Domingo Villar enmárcase nunha estratexia integral de crecemento para o barrio de Navia. Alfonso Rueda fixo fincapé no esforzo que está a realizar a Xunta para facilitar o acceso á vivenda na zona, con máis de 900 fogares públicos xa en marcha (309 xa en obras) nos polígonos 1 e 2 –este último, onde se sitúa o novo centro–, e un investimento global que ascende aos 249 millóns de euros.

Vigo é a cidade galega onde a Xunta leva investido máis en obras educativas, con máis de 31 M€ desde 2021 a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica e sendo este novo IES de Navia o proxecto de maior envergadura. En xeral, desde o ano 2021, a Xunta está a realizar un investimento de máis de 331 M€ a través deste Plan en Galicia, superando as 3.000 actuacións e a previsión é acadar os 500 M€ investidos ata 2028.

Ao final da súa intervención, Rueda fixo fincapé nos motivos de satisfacción de que este proxecto tome forma: “Este edificio vai ser emblema do sistema educativo moderno da Xunta de Galicia, vai levar un nome que nos enche a todos de orgullo e que vai estar aquí, en Navia, onde a Xunta está facendo un enorme esforzo inversor”, rematou o presidente.

Comparte este artigo