A Xunta presenta a nova imaxe Concellos Verdes de Galicia para darlle maior visibilidade ao compromiso ambiental e paisaxístico das entidades locais

Redacción
Lectura mínima de 6
  • Ángeles Vázquez incide en que un dos selos distintivos da Comunidade é o coidado e a preservación do patrimonio natural polo que subliña que a iniciativa se integra nas máximas de excelencia e de prestixio que promove a marca Galicia Calidade
  • Anima a todos os municipios galegos a presentarse á sétima convocatoria do distintivo Bandeira Verde, que estará aberta ata o 29 de maio e, como novidade, aposta pola simplificación dos requisitos exixidos e tamén dos criterios de avaliación
  • Tras subliñar que Galicia foi a primeira comunidade en crear un galardón deste tipo, avanza tamén que 2026 será o ano da posta en marcha da Rede de concellos verdes para fomentar sinerxías entre municipios co apoio e asesoramento técnico da Xunta
  • O recoñecemento como concello verde suporá este ano un mérito adicional para a obtención de subvencións en materia de residuos e patrimonio natural e, a futuro, tamén se valorará na concesión de axudas relacionadas co tratamento das augas

A Xunta presentou hoxe oficialmente a nova imaxe dos Concellos verdes de Galicia, unha iniciativa coa que busca darlle máis e maior visibilidade a aqueles municipios que destacan cada ano por impulsar boas prácticas medioambientais e accións destinadas á protección e integración paisaxísticas.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, foi a encargada de dar a coñecer a que será a partir deste ano a nova identidade visual deseñada para distinguir a aqueles municipios que reciban a Bandeira Verde de Galicia, un galardón creado no ano 2020 polo seu departamento en recoñecemento ao papel que se desenvolve a nivel local a favor do territorio e para o coidado da natureza.

Con tal fin, a imaxe escollida para identificar, de forma clara e nun só símbolo, o compromiso coa sostibilidade e o coidado medioambiental dos Concellos verdes terá como elemento central un G de Galicia que, á súa vez, estará conformado por dúas letras: un C de concello, en alusión ao papel dos municipios como axentes activos da acción ambiental e climática nos seus respectivos territorios e un V para incorporar o valor esencial do galardón, é dicir, o verde como símbolo do patrimonio natural e da cor coa que se identifica á nosa comunidade.

Ademais, esta nova identidade visual, segundo explicou Ángeles Vázquez, enmárcase baixo o paraugas da marca Galicia Calidade, coa que a Xunta proxecta, tanto dentro como fóra do territorio, a excelencia e o prestixio da Comunidade.

Ao respecto, considerou que Galicia destaca non só polo que produce senón tamén polo coidado e a preservación do patrimonio natural, un dos seus principais selos distintivos e parte fundamental da súa identidade.

Así mesmo, a conselleira animou a todos os municipios galegos a presentarse á sétima convocatoria do distintivo Bandeira Verde, publicada o pasado 21 de abril e que estará aberta ata o próximo 29 de maio.

Co obxectivo de dar un paso máis na consolidación do galardón e incrementar o número de concellos adheridos, explicou que entre as novidades da orde deste ano cómpre destacar a simplificación dos requisitos exixidos aos solicitantes e dos criterios de avaliación a ter en conta polos membros do xurado e, sobre todo, a posta en marcha da Rede de concellos verdes de Galicia, coordinada pola Xunta e concibida como espazo estable de encontro e intercambio de sinerxías en materia ambiental entre todos os seus membros.

Así, os obxectivos xerais deste instrumento son aumentar a difusión e o prestixio da Bandeira Verde, dar a coñecer o compromiso ambiental municipal, ofrecer apoio técnico do Executivo autonómico e máis vantaxes aos seus membros así como servir de referente e estímulo para que outras entidades locais aposten por este tipo de políticas.

A modo de exemplo, a nova rede permitirá lanzar accións conxuntas no eido da educación ambiental entre os concellos que a integren, facilitará que aqueles máis experimentados e con accións desenvolvidas a nivel local de éxito poidan exercer de mentores para outros e ofrecerá por parte da Xunta asesoramento en materia de contratación pública verde, en liña cos obxectivos da Lei do clima de Galicia.

En definitiva, tal e como explicou a conselleira, os Concellos verdes terán ao seu alcance unha serie de beneficios e vantaxes en recoñecemento a ese compromiso ambiental que os fai merecedores do distintivo bandeira verde e avanzou que a intención do Goberno galego e seguir reforzando eses incentivos de cara a próximas convocatorias.

De feito, explicou que, ao igual que nas últimas convocatorias, o recoñecemento como concello verde suporá este ano un mérito adicional aos efectos de obter algunha das subvencións que convoca a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático en materia de residuos municipais ou do patrimonio natural e anunciou que, a futuro, se estenderá esa prioridade tamén a outras ordes de axudas que xestiona o seu departamento, citando, en concreto, as achegas autonómicas para apoiar proxectos municipais relacionados coa potabilización ou a depuración das augas urbanas.

Comparte este artigo