- Subliñou que a Xunta destina este ano ao sector preto de 8 M€ en axudas ás distintas fases do proceso de creación e distribución
- A terceira longametraxe do realizador marinense obtivo unha subvención autonómica de máis de 255.000 euros para a súa produción e recibiu tamén apoio da Xunta na fase previa de desenvolvemento
- A rodaxe levouse a cabo integramente na comarca do Salnés na primavera de 2024 e con Denis Gómez, Violeta Gil e Miquel Insua na interpretación
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, referiuse hoxe ao filme do director marinense Ángel Santos como un proxecto de “alma galega”, no que “Galicia, os seus incribles paisaxes e as súa lingua son elementos capitais” e que reflicte “o talento, a calidade e o bo facer do noso audiovisual”. Así se expresou na preestrea que tivo lugar esta tarde no cinema Númax, en Santiago Compostela, onde compartiu un pase especial co equipo da película na véspera da súa chegada ás salas comerciais.
O titular de Cultura da Xunta felicitou os responsables da produción asumida pola unión de tres empresas galegas (Maruxiña Film Company, Amateurfilms e Matriuska) e a todas persoas que achegaron o seu traballo ao proxecto. Tamén ao reparto que integran Denis Gómez, Violeta Gil e Miquel Insua, actor ferrolán falecido o pasado mes de decembro, galardoado nos últimos Premios Mestre Mateo, para quen o conselleiro tivo unhas palabras de homenaxe e lembranza.
López Campos destacou que os profesionais galegos son quen de competir en igualdade de condicións tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. “Contamos cun sector audiovisual sólido e cunha gran fortaleza, que se modernizou e adaptou aos novos formatos e hábitos de consumo do público”, engadiu ao tempo que animou ao público a acudir ás salas.
Escaparate internacional de rodaxe
Tamén incidiu na “aposta clara” do Goberno galego polo sector como motor cultural e económico para xerar emprego e riqueza e por ser “un dos grandes escaparates internacionais que axuda a impulsar Galicia como escenario de rodaxe” e “unha gran carta de presentación do que significa Galicia Calidade”. Neste sentido, lembrou o investimento este ano de preto de 8 M€ por parte da Xunta en distintas convocatorias destinadas ao fomento da creación, produción e distribución audiovisual.
Así chegou a noite, terceira longametraxe do cineasta Ángel Santos, contou para a súa realización cunha axuda de máis de 255.000 euros a través dunha das convocatorias anuais da Axencia Galega das Industrias Culturais para producións e coproducións audiovisuais. A película, que tamén recibira apoio autonómico para o desenvolvemento dos seus traballos de preprodución, filmouse integramente durante os meses de maio e xuño de 2024 na comarca do Salnés, coas principais localizacións en Sanxenxo, O Grove e Meaño.
A fita chega agora aos cines despois de obter o premio á mellor dirección no Festival Internacional de Xixón, do seu exitoso paso polo Bafici de Buenos Aires e de se proxectar en Galicia no marco dos festivais Novos Cinemas de Pontevedra e Cineuropa de Santiago de Compostela.
Así chegou a noite conta a historia dun escultor que establece o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega. A chegada dunha antiga amante provocará nel a reflexión sobre o seu desexo de illamentos e a necesidade dunha fuxida.

