- Dentro do programa que busca fortalecer o papel das mulleres na economía social, ábrese ata o 31 de maio o prazo de presentación de candidaturas en tres categorías (Maior impacto social, Innovación e creatividade e Sostibilidade e economía circular)
- Medrando Xuntas inclúe formacións, encontros e accións de visibilización dirixidas a mulleres traballadoras, socias e directivas, incidindo na comunicación, na organización, no liderado, na toma de decisións ou na mellora da confianza profesional
- O obxectivo final é fomentar a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos, ao tempo que se dan a coñecer proxectos que están a transformar a economía galega
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración lanza os recoñecementos Medrando Xuntas Impulsa 2026 no marco da iniciativa autonómica en marcha para fortalecer o papel das mulleres na economía social galega. Así, ábrese deica o 31 de maio o prazo de presentación de candidaturas en tres categorías diferentes, a través do seguinte formulario e remitindo a memoria dos proxectos pertinentes ao correo medrandoxuntas.emprego@xunta.gal.
En concreto, os recoñecementos estrutúranse nas categorías Maior impacto social, para proxectos que contribúen á mellora da calidade de vida, á inclusión social ou ao desenvolvemento comunitario; Innovación e creatividade, para iniciativas que incorporan novos produtos, servizos ou modelos organizativos; e Sostibilidade e economía circular, para as que integran prácticas ambientais responsables e modelos económicos sostibles.
Poderán participar os proxectos constituídos baixo fórmulas de economía social que estean liderados por mulleres —cando máis do 50% do grupo promotor, das persoas traballadoras ou das persoas socias sexan mulleres— ou impacten positivamente na vida das mulleres. A resolución publicarase nos medios oficiais da Rede Eusumo e o acto de entrega de recoñecementos terá lugar o 19 de xuño, coincidindo co encontro final de Medrando Xuntas.
Medrando Xuntas
O programa formativo que arrancou o pasado mes de abril inclúe formacións, encontros e accións de visibilización que buscan poñer no centro o talento e o liderado feminino, dirixidas tanto a mulleres traballadoras como socias e directivas. Así, traballan habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomenta a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se dan a coñecer proxectos que están a transformar a economía desde a cooperación e o compromiso social.
En primeiro lugar, Medrando Xuntas conta cun programa formativo para mulleres socias e traballadoras orientado a reforzar a súa participación activa nas entidades de economía social. Consta de tres bloques, arredor da fórmula da economía social en si, sobre liderado e sobre xestión das organizacións.
En segundo lugar, a formación para directivas está dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara a postos de liderado na economía social. Consta, neste caso, de catro bloques, sobre a economía social desde a perspectiva de xénero e os desafíos do futuro, sobre autocoñecemento para mudar a contorna, sobre estratexias para unha xestión transformadora e arredor de proxectos innovadores para a economía social.
Compromiso coa economía social
A iniciativa enmárcase na Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027, ao igual que outras como o programa de mentoría especializada dirixido a entidades de economía social en fase de consolidación, é dicir, con máis de 42 meses de antigüidade; ou o Pop Ups ES-Factory, deseñado para impulsar proxectos de economía social mediante a creación de espazos comerciais que permiten coñecer de primeira man a aceptación dos servizos e produtos ante público real.
Cómpre engadir que a Xunta orzamentou este ano case 45 M€ para este eido económico, con convocatorias como o Bono Consolida, os apoios destinados aos centros especiais de emprego e empresas de inserción e outras para promover a creación de consolidación de empresas e emprego na economía social, así como para fomentar e visibilizar a economía social, entre elas as destinadas ás entidades da Rede Eusumo.

