- Galicia é a Comunidade Autónoma convidada na XXXI edición da Feira de Alfarería Argila, que hoxe remata na localidade de La Galera (Tarragona)
- No evento participan como expositores os obradoiros Unzueta Cerámica (Brión), Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños), Cerámica Gaia (Gondomar) e Manuel Figueiras (Muros)
- Tamén haberá un espazo de Artesanía de Galicia enfocado nas olerías tradicionais de Bonxe, Buño, Gundivós e Niñodaguia
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración promociona a olería tradicional galega e a marca Artesanía de Galicia durante a celebración da XXXI edición de Argila, un evento monográfico emblemático que se está a celebrar na localidade de La Galera (Tarragona) dende o pasado xoves 30 de abril e que remata hoxe domingo coa celebración do Día da Comunidade Autónoma convidada, que nesta edición é Galicia.
No evento participan como expositores os obradoiros Cerámica Unzueta (Brión), Gaia Cerámica (Gondomar), Manuel Figueiras (Muros) e Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños) e a Fundación Artesanía de Galicia conta cun espazo dedicado ás olerías tradicionais de Gundivós, Bonxe, Buño e Niñodaguia.
A feira Argila é un evento internacional dedicado á cerámica artesanal organizado polo concello de La Galera no que as rúas do centro histórico da vila se enchen de postos de artesanía, de exposicións, talleres, charlas e actividades para todo tipo de públicos, sempre arredor da cerámica e da olería. As rúas Mayor, Sant Llorenç, Praza do Mercat e Praza do Concello, Centro e Travesía do Forn convértense nun mercado ao aire libre onde o barro é o protagonista. Nesta edición hai un total de 55 postos de artesanía e o horario de apertura da feira é de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 h.

