A Xunta financiará con 200.000 euros á Asociación Amicos para realizar labores de conservación dos ecosistemas mariños no Parque Nacional das Illas Atlánticas

Redacción
Lectura mínima de 3
  • Ángeles Vázquez fai fincapé no papel das persoas con discapacidade como axentes ambientais e puxo en valor o compromiso de Amicos coa conservación do medio
  • Persoal desta asociación sen ánimo de lucro executará traballos de formación e mantemento do viveiro de anxiospermas mariñas, e de conservación de praderías

A Xunta financiará con 20.000 euros á asociación Amicos para realizar labores de conservación dos ecosistemas mariños no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, segundo lle trasladou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, ao director xeral desta entidade sen ánimo de lucro, Xoán España, durante unha reunión que mantiveron esta mañá.

En concreto, persoal de Amicos executará traballos de formación e mantemento do viveiro de anxiospermas mariñas, así como de restauración de praderías. Cómpre indicar que as anxiospermas son plantas superiores con frores, raíces, tallos e follas que evolucionaron para vivir somerxidas no mar. Son clave para o ecosistema, xa que producen oxíxeno, capturan carbono, prevén a erosión costeira e actúan como refuxio para diferentes especies.

Esta actuación enmárcase nos traballos que se están desenvolvemento no Parque Nacional para o mantemento e conservación dos fondos mariños no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia PRTR Mariño.

Nese senso, Ángeles Vázquez fixo fincapé no papel das persoas con discapacidade como axentes ambientais e puxo en valor o compromiso de Amicos coa conservación do medio  a través de proxectos centrados na adaptación ao cambio climático, á educación e sensibilización ambiental, á protección da biodiversidade e á economía verde inclusiva.

En concreto, a conselleira destacou iniciativas como os programas de voluntariado e acción ambiental inclusiva, que contribúen á mellora do medio terrestre e mariño e fomentan a implicación da cidadanía na súa protección, e a iniciativa Amiríos, que está enfocada á conservación fluvial con accións como limpezas de lixo, control de especies invasoras e reforestación de ribeiras contribuíndo a protexer a biodiversidade dos ríos galegos.

Cómpre lembrar que Amicos é unha asociación galega sen ánimo de lucro que traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, autismo e parálise cerebral. Conta con máis de 25 anos de traxectoria e é un referente na inclusión social e laboral na comarca do Barbanza e noutras zonas da Comunidade.

Comparte este artigo