- José González resalta a importancia da colaboración público-privada para afrontar os retos destas contornas, algúns compartidos co resto do sector, como a adaptación aos novos hábitos de consumo ou a profesionalización, e outros propios
- Destaca o labor de Cocahi, presidida por Compostela Monumental, a prol da dinamización destes espazos, e onde o comercio de proximidade xoga un papel esencial para garantir a súa vitalidade
- Pon en valor o éxito da experiencia que se está a desenvolver en Ribadavia, centrada na recuperación de locais en desuso de vilas senlleiras e na súa posta a disposición de comerciantes e artesáns, que prevé chegar aos 15 locais en funcionamento este ano
- Recoñece tamén o papel clave dos centros comerciais abertos, salientando a excelencia de entidades galegas integradas tamén en Cocahi como ACISA Ribadeo e Estrela de Marín, ambas galardoadas nos Premios Nacionais de Comercio Interior
- Pola noite terá lugar a I Gala dos Premios de Cocahi, coa asistencia do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na inauguración das xornadas organizadas pola Confederación Española de Cascos Históricos (Cocahi) co gallo do Día Internacional dos Cascos Históricos.
Na súa intervención, puxo en valor o traballo fundamental que desenvolve esta entidade a nivel estatal, cuxa presidencia ostenta Compostela Monumental, así como o papel dos cascos históricos como espazos estratéxicos para a dinamización económica, social e patrimonial, nos que o comercio de proximidade —remarcou— resulta esencial para garantir a súa vitalidade e actividade.
Neste senso, salientou o compromiso da Xunta coa revitalización comercial destas contornas con iniciativas pioneiras como o proxecto Vilas Vivas, que se está a desenvolver de xeito piloto en Ribadavia. González explicou que esta actuación —enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia— se centra na recuperación de locais en desuso e na súa posta a disposición de comerciantes e artesáns co obxectivo de dinamizar vilas senlleiras con potencial turístico e cunha produción local enraizada no territorio, co obxectivo de estender no futuro a experiencia a outras localidades galegas de similares características. No caso do concello ourensán, prevese chegar a 15 locais en funcionamento este ano, combinando así a protección do patrimonio co impulso da actividade comercial e a xeración de novas oportunidades de emprendemento, en sinerxía con outros atractivos do municipio como a Feira do Viño do Ribeiro.
Así mesmo, José González recoñeceu o papel dos centros comerciais abertos como ferramentas clave para fortalecer o comercio local, especialmente nos cascos históricos, e destacou a importancia da colaboración entre administracións e sector para abordar os retos actuais que afrontan estes enclaves, algúns compartidos co conxunto do sector —como a adaptación aos novos hábitos de consumo ou a profesionalización a través da formación— e outros propios da súa singularidade, como a accesibilidade, a mobilidade ou a convivencia entre actividade económica e coidado patrimonial. Así, destaca a excelencia de diferentes centros comerciais abertos galegos integrados en Cocahi xunto con Compostela Monumental, como Baiona La Real, Cangas, Ourense Centro, ACISA Ribadeo e Estrela de Marín, estes dous últimos recentemente recoñecidos nos Premios Nacionais de Comercio Interior co galardón principal e a mención honorífica, respectivamente, na categoría de Centros Comerciais Abertos.
Plan estratéxico do comercio
O conselleiro enmarcou estas actuacións no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que mobilizará 320 M€ a través de máis de 70 medidas orientadas á modernización do sector, ao reforzo do comercio local e á revitalización dos cascos históricos como espazos vivos e competitivos.
Entre as actuacións destacadas—ademais das dirixidas aos centros comerciais abertos, con 2,5 M€ este ano—, atópase o impulso á rede de Mercados Excelentes, a dixitalización e modernización do sector ou a nova edición dos Bonos Activa Comercio, que se reeditarán en 2026 con 5 M€.
Gala de premios
No marco destas xornadas, no Hotel Monumento San Francisco terá lugar esta noite a I Gala dos Premios da Confederación Española de Cascos Históricos, que contará coa asistencia do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.

