- A colaboración do Goberno galego contribúe á posta en escena da obra de Leoš Janáček, que chegará os días 17 e 19 de setembro ao Palacio da Ópera
- A 74ª edición da programación impulsada pola Asociación Amigos de la Ópera inclúe tamén ‘Tosca’, de Puccini, actividades de lírica inclusiva, cinema, conferencias e formación vocal
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na Coruña na presentación da 74ª Temporada Lírica organizada pola Asociación Amigos de la Ópera, un amplo programa de exhibición e didáctica arredor do xénero que o Goberno galego volve apoiar este ano a través dun convenio por valor de 160.000 euros para a representación de Jenůfa, do checo Leoš Janáček, un dos principais reclamos da carteleira.
No acto, no interviñeron voceiros institucionais, da entidade promotora e doutras institucións colaboradoras, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a importancia de manter en Galicia unha programación operística estable, ambiciosa e vencellada a unha traxectoria de máis de sete décadas. Neste sentido, lembrou que a Xunta colabora desde hai máis dunha década coa asociación para favorecer a difusión da música lírica e consolidar un programa herdeiro do histórico Festival da Ópera da Coruña e ao que se lle recoñece o seu compromiso coa promoción e formación dos intérpretes galegos.
Subliñou tamén o valor artístico de Jenůfa, considerada unha das obras fundamentais do teatro musical moderno, así como o esforzo técnico e económico que supón presentar en Galicia unha produción destas características. A peza ofrecerase ao público os días 17 e 19 de setembro no Palacio da Ópera coruñés, con dirección musical de José Miguel Pérez-Sierra e dirección escénica de Emiliano Suárez. Contará tamén coa participación da Orquestra Sinfónica de Galicia e do Coro Gaos, e cun elenco encabezado por Vanessa Goikoetxea, Eliša Weissová, Alejandro Roy, Joan Lainez e Marianne Cornetti.
Unha temporada estendida pola cidade
A representación de Jenůfa estará precedida por actividades arredor desta ópera dentro do festival Viñetas desde o Atlántico e por unha conferencia previa a cargo de Julián Jesús Pérez, prevista para o 16 de setembro na sala de prensa de Afundación. A produción está impulsada en réxime de coprodución pola Asociación Amigos de la Ópera de A Coruña e Ópera Garage Producciones.
Neste sentido, Jacobo Sutil destacou o esforzo de Amigos de la Ópera por incrementar cada ano a rede de alianzas con outros eventos e entidades da cidade herculina para abrir o xénero a novos públicos de dentro e fóra de Galicia. Unha dinámica na que se sitúa a colaboración establecida coa Filmoteca de Galicia para proxectar na sala José Sellier tres películas que abordan dalgún xeito temas ou intérpretes operísticos. As propostas elixidas para este ano son El Kaiser de Atlantis, Dogville e La cinta blanca, que poderán verse os días 5, 12 e 26 de novembro, respectivamente, con entrada de balde e como peche da Temporada Lírica da Coruña 2026.
Programa de exhibición e formación
No acto de presentación da programación completa celebrado hoxe, Aquiles Machado, director artístico da Temporada Lírica, debullou toda a actividade que se desenvolverá durante catro meses en distintos espazos da cidade. Outra das citas destacadas é Tosca, de Giacomo Puccini, que se representará os días 22 e 24 no Palacio da Ópera, con dirección musical de Oliver Díaz, participación da Orquestra Sinfónica de Galicia, do Coro Gaos e do Coro Cantabile, e dirección escénica de Paul-Émile Fourny. A programación inclúe tamén o curso de interpretación vocal con Carlos Álvarez, un concerto no Museo de Belas Artes da Coruña, propostas de Ópera Kids e conferencias arredor dos principais títulos.
A oferta complétase con actividades de acceso libre, como o Ciclo de Lírica Inclusiva, con citas no Centro Cívico de Monte Alto, no Circo de Artesáns e no Fórum Metropolitano, ademais de proxeccións de ópera en Afundación e na Filmoteca de Galicia. Con este conxunto de iniciativas, a programación estende a presenza da lírica por diferentes centros culturais para combinar a exhibición escénica coa formación e a divulgación

