- A iniciativa, que conta co apoio de Turismo de Galicia, pon en valor a cociña galega e contribúe a promocionar o Camiño
- Xosé Merelles destacou como o turismo gastronómico impulsa o gasto ao deixar en Galicia un 30% máis que o xeralista
- O proxecto enmárcase coa estratexia do Goberno galego de promocionar recursos singulares da comunidade para posicionala como destino único e diferencial
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación da 12ª edición de Estrelas no Camiño, que se desenvolveu esta mañá na finca Casa Barqueiro, en Negreira. Xosé Merelles referiuse a este evento que terá lugar o 8 de xuño como “un proxecto que, edición tras edición, demostra a capacidade de Galicia para xerar propostas de alto nivel, con proxección nacional e internacional, e que contribúen de xeito claro a reforzar o noso posicionamento como destino gastronómico de referencia”.
O director de Turismo de Galicia destacou o valor do turismo para Galicia, que representa xa máis do 10% do PIB e do emprego en Galicia. En 2025, a comunidade tivo 8,8 millóns de turistas, “un novo récord histórico segundo a Xunta, cun incremento do 7,3% respecto ao ano anterior”, sinalou.
No primeiro trimestre de 2026, aloxáronse en establecementos galegos preto de 750.000 persoas, que fixeron máis de 1,4 millóns de noites. “Estamos observando que cada vez permanecen máis días en Galicia”, recapitulou. “Moi boas novas, que repercuten directamente na economía do sector”. Así, a rendibilidade hoteleira medrou un 9,7% e os hoteis facturaron preto de 50M de euros neste primeiro trimestre (+7% interanual).
Segundo o Informe do Turismo Gastronómico en España, este tipo de visitante gasta un 30% máis que o xeralista, e “Galicia ocupa un lugar de privilexio neste mapa”, resaltou Merelles. “Somos a terceira comunidade autónoma favorita dos españois como destino gastronómico, e A Coruña figura entre as tres provincias máis valoradas do país. Galicia lidera ademais o ranking de destinos para participar en festas e eventos gastronómicos, e sitúase entre os tres primeiros para comprar produtos locais e para visitar mercados gastronómicos”.
O director de Turismo de Galicia lembrou tamén os datos referentes á alta cociña en Galicia. En 2026, a comunidade conta con 19 restaurantes con Estrela Michelin, dos que tres teñen dúas estrelas.
Para impulsar a gastronomía como recurso turístico, a Xunta desenvolveu o seu Plan Territorial Enogastronómico. Dotado con 34,5 millóns de euros, comprende 11 Plans de Sostibilidade Turística en Destino en 80 concellos galegos. Ademais, concedéronse axudas para impulsar empresas enoturísticas, fomentar a creación de novos establecementos turísticos de aloxamento e restauración vinculados ao enoturismo ou impulsar a mobilidade sostible.
Xosé Merelles referiuse tamén a iniciativas como a Primavera de Portas Abertas, que abre o 8 de maio a súa 15 edición cun amplo calendario de visitas a adegas, catas e outras actividades polas cinco Rutas do Viño vinculadas ás denominacións de orixe que se estenderá ata a primeira fin de semana de xuño.
Estrelas no Camiño
O evento celebrarase o 8 de xuño e concentrará a máis de 30 chefs con Estrella Michelin, nunha cita que, como definiu o organizador, Rogelio Rial, “non só pon en valor o talento culinario, senón tamén o noso territorio, o Camiño de Santiago e a capacidade dun lugar como Negreira para acoller un evento deste nivel”. Esta edición homenaxearase ao célebre cociñeiro Juan Mari Arzak e colaborarase coa asociación Art for Dent, reforzando o compromiso social da iniciativa.
O director de Turismo de Galicia puxo en valor a conexión entre gastronomía e Camiño de Santiago que impulsa a iniciativa, “ampliando a experiencia do visitante e proxectando Galicia desde unha perspectiva contemporánea, baseada na excelencia”. Xosé Merelles referiuse ás cifras de 2025, cando chegaron a Santiago 530.987 peregrinos, récord histórico con máis do 6,4% respecto a 2024, e anticipou as boas cifras de 2026, con máis de 88.000 Compostelas recollidas no que vai de ano (+4% respecto 2025).

