López Campos aborda co alcalde de Baiona accións de dinamización cultural e mellroas en infraestruturas de cara a celebración do Xacobeo 2027

Redacción

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, abordou hoxe co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, cuestións vinculadas coas materias do seu departamento. En concreto, afondaron nas posibles vías de colaboración para a mellora das infraestruturas culturais de cara a que estean nas condicións axeitadas para acoller a programación de verán e tamén para ir adiantando e preparando a do Xacobeo 2027, tendo en conta o vencello estreito deste municipio co Camiño Portugués. Ademais, tamén analizaron accións de dinamización cultural da lingua, de apoio á mocidade e de conservación e posta en valor do patrimonio, en concreto, do casco histórico desta vila.

Precisamente, o representante de Cultura do Goberno tirou proveito desta xuntanza para analizar polo miúdo co rexedor as modificacións levadas a cabo na Lei de acompañamento dos Orzamentos para a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que están a permitir reducir os tempos de espera, tanto por parte da cidadanía como das institucións, co obxectivo de que o coidado do patrimonio non supoña un impedimento para o desenvolvemento de proxectos vitais ou profesionais. Neste senso, cómpre subliñar que, ata este momento, a Xunta de Galicia era a única administración autonómica que informaba dos bens de todo o territorio con independencia de cal fose o seu grado de protección, o que estaba a supor a xestión cada ano de 30.000 expedientes cun prazo de resolución aproximado de entre seis e 12 meses.

Comparte este artigo