- Ángeles Vázquez explica que o obxectivo destas achegas é promover proxectos municipais para previr os riscos derivados do quecemento global, así como para identificar e crear espazos urbanos que actúen como refuxios climáticos
- A Xunta financia ata o 80% do investimento, cun máximo de 60.000 € por proxecto, e os beneficiarios teñen de prazo ata finais de novembro para executar as actuacións
- Por segundo ano consecutivo, o Goberno galego aposta por esta orde de incentivos, que se enmarca nas liñas de traballo impulsadas co obxectivo de converter ás entidades locais en lugares máis verdes, resilientes e cunha mellor calidade de vida
A Xunta de Galicia concederá este ano 32 axudas por un importe total de case 1,4 millóns de euros destinadas a apoiar aos concellos no impulso e execución de solucións baseadas na natureza que contribúan reducir, previr ou facer fronte aos efectos derivados do cambio climático.
Durante unha visita a un parque infantil na Lama que, precisamente, foi obxecto dunha intervención subvencionada polo Goberno autonómico para atenuar o efecto illa de calor, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou que, por segundo ano consecutivo, o seu departamento apoiará aos concellos na execución de distintos proxectos a nivel local co obxectivo de ofrecer solucións fronte ao quecemento global, así como para identificar e crear espazos urbanos que actúen como refuxio climático tanto para a poboación como para a biodiversidade.
Acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, a conselleira indicou que a Xunta financiará ata o 80% do investimento, cun límite de 60.000 euros por proxecto e un máximo de tres solicitudes por entidade local. Os 31 concellos beneficiarios este ano terán ata finais de novembro para executar as obras.
No que atinxe ás accións subvencionables, explicou que, con carácter xeral, se apoiarán intervencións en espazos públicos orientadas ben a reforzar a biodiversidade e as zonas verdes de áreas urbanas e periurbanas ou ben a atenuar o efecto illa de calor que fai que en zonas das cidades a temperatura sexa máis alta que nas rurais debido a factores relacionados coas propias infraestruturas e a actividade humana e industrial.
No primeiro grupo, que concentra a meirande parte das subvencións concedidas este ano, encaixarían iniciativas de sombreado natural en rúas e prazas co plantado de árbores, preferiblemente autóctonas; intervencións para reducir a impermeabilidade do solo e aumentar a drenaxe; a creación de microclimas co uso de láminas de auga; a implantación de xardíns verticais e cubertas verdes en infraestruturas públicas; a restauración de zonas húmidas ou a mellora da colectividade entre medio urbano e periurbano mediante sendas.
Así mesmo, no marco da liña reservada a actuacións para combater o efecto illa de calor, subvencionaranse intervencións dirixidas á identificación e adecuación de refuxios climáticos, entendidos como espazos cunha relativa estabilidade e condicións ambientais favorables que os converten en lugares idóneos para combater as altas temperaturas e ofrecer protección á poboación.
Neste caso, coas axudas concedidas os concellos farán estudos técnicos para localizar estas zonas nos seus territorios, identificar corredores ecolóxicos que reforcen o papel natural dos refuxios e acometer tamén obras concretas que axuden a cumprir esta función, incluídos traballos de restauración en zonas degradadas, pero con potencial para reter ou acoller biodiversidade.
Os concellos, claves na acción climática
Tal e como recordou Ángeles Vázquez, esta é a segunda convocatoria que fai o Goberno galego desta orde de axudas, posta en marcha o ano pasado e que se enmarca nas liñas de actuación impulsadas polo seu departamento co fin de converter ás entidades locais, pola súa condición de administración máis próxima ao cidadán, en lugares máis verdes, resilientes ao quecemento global e cunha mellor calidade de vida.
Para exemplificar o impacto que poden ter as accións climáticas a nivel local, a titular de Medio Ambiente referiuse á intervención realizada en 2025 polo Concello da Lama no parque da rúa Miguel Carbajal e para a que recibiu unha axuda autonómica de 25.000 euros. En concreto, explicou que se construíu unha pérgola cuberta para crear unha zona de sombra que atenúe o efecto illa de calor, coa particularidade de que se recorreu ao plantado de especies vexetais trepadoras que, co paso do tempo, irán cubrindo a nova cuberta ata que se poida retirar o canizo instalado de forma provisional.
Cómpre subliñar que as outras iniciativas nas que traballa a Xunta para consolidar o papel dos concellos na loita contra o quecemento global son a Rede local polo clima, activada en 2024 para promover sinerxías a nivel municipal; o proxecto na cidade de Ourense (ao que a Xunta destinará un total de 450.000 euros) para habilitar un refuxio climático na avenida Otero Pedraio, e o programa Mocidade polo clima, deseñado para captar talento mozo e promover iniciativas a escala local.

