- O orzamento do traballo ascende a máis de 117.000 euros e ten un prazo de execución de 16 meses
- Grazas a esta infraestrutura que se creará en Pontevedra poderanse aumentar os servizos do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva
A Xunta asinou esta semana o contrato de servizo de redacción do proxecto de interese autonómico (PIA), así como a redacción do proxecto de parcelamento para a obtención do solo destinado á construción do futuro Centro de Alto Rendemento (CAR) de Galicia en Cernadiñas Novas, no concello de Pontevedra. O orzamento do traballo ascende a máis de 117.000 euros e ten un prazo de execución estimado de 16 meses.
Coa sinatura deste contrato para a redacción dos proxectos continúase avanzando no obxectivo de dotar Galicia dun Centro de Alto Rendemento Deportivo. A adxudicación do mesmo, que se efectuou o pasado mes de abril, realizouse mediante procedemento aberto e con pluralidade de criterios, un sistema que garante os principios de igualdade e transparencia, favorece a libre concorrencia das empresas licitadoras e permite acadar as mellores condicións contractuais para a Administración.
A creación deste CAR, cuxo proxecto foi declarado de interese autonómico polo Consello da Xunta en marzo do pasado ano, permitirá ampliar os servizos do actual Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). O obxectivo é incrementar o número de prazas que demanda o deporte galego de alto nivel, en constante crecemento, así como incorporar novas modalidades deportivas e mellorar as infraestruturas existentes, para que Galicia conte cun centro de referencia para o deporte de alta competición.
A ampliación levarase a cabo nuns terreos de máis de 120.000 metros cadrados na parroquia de San Andrés de Xeve, coñecidos como Cernadiñas Novas, no concello de Pontevedra, situados a tan só sete quilómetros de distancia do actual CGTD.

