A Xunta pídelle a AENA esforzo investidor nos aeroportos galegos acorde coas necesidades da comunidade

Redacción

A directora xeral de Mobilidade e o director de Turismo de Galicia participaron hoxe na reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participaron hoxe en Vigo na reunión do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia, onde pediron esforzo investidor de Aena nos aeroportos galegos, “preciso para favorecer a conectividade e ofrecer unhas instalacións cos estándares de calidade adecuados para a cidadanía galega”. Así, Judit Fontela insistiu en que “os investimentos se produzan e sexan acordes coas necesidades de Galicia”.

No encontro presentouse a proposta de Aena do Documento de Regulación Aeroportuaria (DORA III), que segundo sinalou a directora xeral, unha vez Aena remita o documento completo, se analizará para facer achegas. Nesta liña, Judit Fontela pediu información sobre as actuacións previstas en cada un dos tres aeroportos e polos investimentos relevantes incluídos na proposta presentada por Aena.

Por outra banda, o Goberno galego solicitou información sobre o proxecto da torre de control dixital anunciada para o aeroporto de Vigo e se hai previsión de estender a iniciativa a algún outro aeroporto galego. Tamén agradeceu a ampliación dos incentivos por parte de Aena a aeroportos de menos de 3,5 millóns de pasaxeiros, o que permite a Santiago de Compostela beneficiarse da medida.

En canto á conectividade, tanto Judit Fontela como Xosé Merelles lembraron na reunión a aposta da Xunta para a captación de novas rutas mediante a promoción en orixe, no marco da proposta de Aena. Deste xeito ao seu plan de negocio se suma un apoio institucional, ao que recentemente se sumaron as deputacións da Coruña e Pontevedra, polo que a Xunta agarda que se poida seguir avanzando neste sentido. A Administración autonómica continúa así na liña na que xa vén traballando desde hai anos na promoción en orixe, cun investimento anual de 13 millóns de euros.

Comparte este artigo