Trátase dunha programación cultural gratuita que enche Vilaboa de contos, teatro e creatividade para o público máis novo
O Concello de Vilaboa arrinca este luns unha nova Semana das Letras, unha programación cultural que coincide coa celebración do Día das Letras Galegas e que enche o municipio de actividades pensadas especialmente para a cativada e a mocidade. Contacontos, teatro, música e propostas de animación á lectura daranse cita na Casa da Cultura de Riomaior e na Biblioteca Municipal ao longo de cinco días nos que a lingua e a creación serán as protagonistas.
A iniciativa, impulsada pola Concellaría de Cultura, forma parte do programa “Ler Conta Moito” da Rede Galega de Bibliotecas e busca reforzar o vínculo da veciñanza máis nova coa literatura, o teatro e a expresión artística, ao tempo que promove espazos de encontro e participación comunitaria.
A programación comeza este luns con Hamelín, de Fran Rei, e continuará con propostas tan recoñecidas como Contos con Xeito de Bea Campos, Biblicanta da Cabra Montesina con Erea Mora ou a peza teatral O segredo da Biblioteca, da compañía Trémola Teatro, todas elas dirixidas ao público infantil e familiar.
Desde o Concello destacan que esta Semana das Letras “é unha aposta decidida por achegar a cultura ás familias, por fortalecer o uso da lingua galega e por ofrecer alternativas de ocio educativo que axudan a medrar en comunidade”.
César Poza, alcalde e concelleiro de Cultura, destaca a importancia de organizar actividades ligadas á literatura infantil para fomentar o hábito lector entre os máis pequenos de xeito que relacionen ocio e lectura, un xeito lúdico de formar unha sociedade crítica, analítica e esixente. “Os nenos e nenas que esta semana teñen a oportunidade de asistir a unha boa selección de actividades vencelladas á literatura estou seguro de que serán, de adultos, membros dun club de lectura”, apunta.

