- A conselleira lembra que as obras do polígono de Xinzo de Limia xa están rematadas e pendentes de recepción por parte do Concello
- En total, en Ourense hai en tramitación, urbanización ou execución máis de 2,7 millóns de m2 en polígonos industriais cun investimento de 126 millóns de euros
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta mañá en San Caetano unha reunión de traballo co presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, para abordar as actuacións que está a desenvolver a Xunta en materia de solo empresarial nesta provincia.
Así, lembrou que o Goberno galego atende a demanda de Ourense con máis solo industrial para impulsar a implantación de novas industrias ou que as existentes poidan incrementar a súa capacidade produtiva.
Nesta liña, Lorenzana explicou que as obras para ampliar nun 40 %, ata os 414.000 m2, a superficie do polígono de Xinzo de Limia xa están rematadas e pendentes de recepción por parte do Concello. Ademais, a Xunta continúa avanzando no desenvolvemento doutros parques como é o caso de San Cibrao das Viñas do que hoxe mesmo se adxudicaron as obras de urbanización; ou a ampliación de Pereiro de Aguiar, para a que xa se licitou o contrato de expropiación dos terreos. Tamén se está a avanzar nos polígonos de Carballiño-Maside ou Paderne de Allariz.
En total, en Ourense están en tramitación, urbanización ou execución máis de 2,7 millóns de metros cadrados en polígonos industriais cun investimento de 126 M€.
A conselleira explicou que se trata de reforzar a capacidade de Galicia para competir na captación de investimentos, apoiar o crecemento das empresas que xa están implantadas e xerar novas oportunidades de desenvolvemento económico na Comunidade.

