Rueda destaca a nova e Escola Infantil de Ponteareas como símbolo do modelo galego de apoio á conciliación e ás familias

Redacción
  • Indica que a Xunta aportou preto de 600.000 euros á nova infraestrutura de vangarda para dar resposta a unha demanda histórica do concello  
  • Pon en valor a gratuidade das escolas de 0 a 3 anos na comunidade, unha medida pioneira que beneficia a máis de 32.000 familias en toda Galicia  
  • O Goberno galego destina cada ano 68 millóns de euros de fondos a esta medida, que supón un aforro de media de 4.000 euros anuais a cada familia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración oficial á nova escola infantil municipal de Ponteareas, unha infraestrutura que supón unha demanda histórica para o concello e un símbolo do apoio do Goberno galego á conciliación e ás familias. “Había que facer un edificio á altura do que demanda a xente e o que debe ser a nova filosofía educativa desde os cero anos”, indicou.

Durante o acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o titular do Goberno galego puxo en valor a colaboración entre administracións para ofrecer servizos públicos de vangarda que xestionen realidades e necesidades directas dos veciños. Así, estas novas instalacións contaron cun investimento total de máis dun millón de euros, dos que a Xunta aportou preto de 600.000 euros e o resto a Deputación de Pontevedra e o concello de Ponteareas.

A nova escola, que botou a andar o pasado 27 de abril, sitúase nunha parcela de 2.000 metros cadrados en pleno núcleo urbano, concretamente no parque Ferro Ucha, o que facilitará a vida diaria de preto dun centenar de familias. O centro dispón de seis aulas modernas e luminosas, sala de usos múltiples, espazo para lavandería, cociña, almacén, despachos para educadores/as, vestiario, e un patio exterior de 50 m2.

Rueda destacou que este centro é o reflexo dun modelo de éxito que sitúa a Galicia como líder en apoio ás familias, acadando a taxa de escolarización máis alta de España na etapa 0-3, preto do 65%, situándose ao nivel de países como Suecia ou Dinamarca.

Neste sentido, lembrou que a nosa é “a única comunidade autónoma que a día de hoxe ten educación infantil absolutamente gratuíta”, sexan centros públicos, privados ou de iniciativa social. Esta medida, blindada por parte da Xunta cun investimento anual de 68 millóns de euros de fondos propios, beneficia a máis de 32.000 familias que aforran unha media de 4.000 euros ao ano.

“Non é só poñer prazas a disposición; se lle dicimos á xente que hai que ter fillos hai que darlle solucións para que os seus fillos estean da mellor maneira posible”, asegurou. Así mesmo, lembrou que o Goberno central reiterou en diferentes ocasións ao Goberno central, e segue a reiterar, que contribúa ao financiamento desta medida tan importante para a conciliación das familias.  A día de hoxe o custo da gratuidade asúmeo a Xunta de Galicia ao 100%.

Compromiso integral co coidado dos máis pequenos

A estratexia da Xunta aposta pola conciliación real a través de ferramentas consolidadas como a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia Familia ou o impulso das casas niño no rural.

Así, o presidente mencionou que hoxe mesmo o DOG publica a relación das novas prazas creadas en escolas infantís de titularidade municipal con fondos MRR, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Así, cos devanditos fondos creáronse 900 novas prazas en 30 concellos cunha achega de máis de 5,2 M€, realizando a Xunta “esforzo importantísimo e tamén os concellos e as deputacións”.

Comparte este artigo