A Xunta reafirma o seu compromiso coa Festa do Marisco do Grove, á que destinou 205.000€ desde o seu recoñecemento como Interese Turísmo Nacional

Redacción
  • Xosé Merelles destacou que este apoio enmárcase nos máis de 2,2 millóns de euros que a Xunta destinou ao impulso turístico de O Grove nos últimos tres anos
  • O Grove consolídase como referente da desestacionalización turística en Galicia, con preto de 100.000 visitantes na edición de 2025

A Xunta de Galicia ratifica este ano de novo o seu compromiso coa Festa do Marisco de O Grove cunha nova achega económica de 25.000 euros destinada á promoción e posta en valor dun dos grandes referentes gastronómicos e turísticos da comunidade. Así o puxo de manifesto o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, trala sinatura do acordo co alcalde deste concello, José Cacabelos.

A través deste acordo, o Goberno galego reafirma así o seu apoio a un evento declarado Festa de Interese Turístico Nacional desde 2013 e que constitúe “un exemplo de éxito na promoción turística, na dinamización económica e na desestacionalización”.

“Desde ese recoñecemento nacional, Turismo de Galicia leva investidos máis de 205.000 euros na promoción da Festa do Marisco”, lembrou o director de Turismo, que se destinaron tanto á súa celebración como a accións de difusión internacional en países como Irlanda, Francia, Italia, Países Baixos ou Bélxica.

Este apoio enmárcase ademais nos máis de 2,2 millóns de euros que a Xunta destinou ao impulso turístico de O Grove nos últimos tres anos, a través de fondos europeos e recursos propios, segundo explicou Xosé Merelles. Entre estas actuacións destacan os 2 millóns de euros do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino ‘O Grove, A Gastromeca’ ou os investimentos na mellora dos clubs náuticos de San Vicente e A Toxa.

Motor económico en outubro

A Festa do Marisco converte cada outubro O Grove no epicentro do turismo gastronómico galego e nun auténtico motor económico para toda a comarca do Salnés.

Na pasada edición de 2025, ao evento achegáronse 100.000 persoas visitantes, que procedían de distintos puntos de España e tamén do estranxeiro, xerando un importante impacto sobre a hostalaría, o comercio e o conxunto da economía local.

“Que milleiros de persoas escollan Galicia e O Grove no mes de outubro é unha  demostración do potencial da nosa oferta turística fóra da tempada alta”, destacou Xosé Merelles desde Turismo de Galicia.

Os datos turísticos avalan esta tendencia. En 2025, O Grove recibiu máis de 110.000 viaxeiros que realizaron preto de 300.000 noites, cunha estadía media próxima ás tres noites, unha das máis elevadas do turismo galego.

Ademais, no primeiro trimestre deste ano 2026, o municipio rexistrou xa preto de 9.000 viaxeiros, o que supón un incremento de arredor do 40% respecto ao mesmo período do ano anterior.

Comparte este artigo