O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, resaltou hoxe no Pazo de Mariñán, en Bergondo, o valor e a utilidade do asociacionismo sectorial en todos os ámbitos da cultura como ferramenta necesaria para a interlocución profesional e subliñou o traballo conxunto e continuado entre o Goberno galego e o sector teatral. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude expresouse así na inauguración oficial das xornadas organizadas pola Academia Galega de Teatro, que contan con patrocinio da Xunta para a súa celebración.
Baixo o título 2000-2025: Sumando Primaveras, a Academia Galega do Teatro, presidida por Miguel Pernas, reúne en Mariñán especialistas, persoas asociadas e público xeral arredor de tres relatorios para reflexionar sobre estes últimos 25 anos nos escenarios galegos, así como para analizar o comportamento dos diferentes axentes no feito teatral cara á consecución duns obxectivos comúns no avance cuantitativo e cualitativo do sector.

