A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este venres en rolda de prensa para dar conta dos avances do Concello cara o novo modelo de comedor escolar que impulsa o Concello. A comisión de estudo para determinar a mellor forma de xestión do servizo reuniuse xa dúas veces, a última o pasado mércores 13 de maio, e conta xa co estudo realizado por persoal municipal que determina que a xestión directa supón un menor custe por menú. A comisión está formada, ademais de pola concelleira de Educación, Míriam Louzao, por cadansúa persoa representante dos grupos políticos e das concelleiras non adscritas e polas persoas titulares da Secretaría Xeral, da Intervención, da Coordinación, da Área de Cultura e Dinamización Cidadá, da Área de Réxime Interior e da Asesoría Xurídica.
Na rolda de prensa, Goretti Sanmartín explicou que esta comisión ten como obxectivo aprobar a memoria que xustifique a creación dun servizo e a súa forma de xestión para someter este acordo ao Pleno, tal como está previsto na regulamentación de servizos das corporacións locais. Neste sentido, indicou que os traballos están moi avanzados e agardou que na próxima sesión poidan concluírse. Ata o de agora, a prestación deste servizo fíxose con empresas externas, mais nunca se formalizou como servizo municipal nin se chegou a analizar a mellor forma de xestionalo, tal como esixe a norma. Ao respecto, a rexedora explicou que a pretensión do Concello é asumir o servizo dentro das competencias en materia de conciliación, pero fixo fincapé en que o correcto sería que a Consellería de Educación o incluíse como un servizo educativo para garantilo de xeito homoxéneo en todo o territorio.
“Nós marcámonos como goberno un obxectivo que é moi ambicioso, que é poñer en marcha un novo modelo de comedores, un modelo conxunto, global e coherente que lles poida ofrecer a nenos e nenas un servizo de maior calidade”, manifestou Goretti Sanmartín. “Traballamos desde o primeiro momento do mandato neste proxecto”, agregou Sanmartín, quen indicou que, froito de todo o feito e dos estudos rigorosos realizados, decidiuse facer un investimento para atender xa ao conxunto da rede de centros públicos ante a imposibilidade de facer unha instalación en cada centro. Este investimento está dotado no orzamento municipal cun millón de euros e estase traballando xa no proxecto para acondicionar ese espazo.
A intención do Concello é construír unha cociña central para a elaboración dos xantares e almorzos. Terá capacidade para 2.500 menús de xantar e 832 almorzos diarios, co que se podería facer fronte á futura incorporación, se así o desexaren, dos tres centros educativos que agora mesmo teñen o seu servizo de almorzo e comedor xestionado polas Anpas (o CEIP Pío XII, o López Ferreiro e o Lamas de Abade). Actualmente, o Concello vén atendendo os comedores en 10 centros de educación infantil e primaria a partir dun convenio de colaboración coa Consellería de Educación asinado por vez primeira o 5 de xullo de 2013.
Maior calidade
“Entendemos é que temos que camiñar cara unha calidade do servizo importante”, manifestou Goretti Sanmartín. A rexedora lembrou que hai que ter en conta os novos criterios normativos e enfatizou que o obxectivo do Concello é claro: menús saudables, con alimentos naturais, producidos e comercializados de xeito sustentable, preferentemente da nosa contorna, e cociñados e servidos con total seguranza; canda unha uha organización do sistema que prime a saúde e a educación en cuxo prezo pesen máis as razóns sociais que o rendemento económico. “Nós nunca ocultamos que, para garantir todo isto, entedemos como goberno que é importante que o servizo se preste desde o público e non a través dunha empresa privada, sen ningunha dúbida”, indicou a alcaldesa. Por iso a dirección da Área de Cultura e Dinamización Cidadá e o Departamento de Educación elaboraron un estudo exhaustivo sobre os diferentes elementos que inciden no servizo e analizaron todos os modelos de xestión, cuatificando cada un deles para estimar cal podería ser o custo do menú, con todas as modalidades posibles. Este estudo, dixo, vai na liña da tese de que o modelo debe pivotar sobre o control público e as formas de xestión directa.
Ademais do control público, avaliouse a axilidade dos mecanismos de funcionamento, para as compras e para a dotación de persoal, e tamén se analizaron os diferentes elementos que comporían o custo do servizo en todos os modelos, como o mantemento da instalación o beneficio industrial no caso da xestión indirecta ou os impostos.
Goretti Sanmartín explicou que, en en definitiva, a xestión directa a través dunha sociedade mercantil local preséntase como a opción de menor custo por menú. E por iso, tras entregar toda a documentación aos membros da comisión, a alcaldesa confiou en que na próxima sesión da deste órgano poida pecharse o ditame para levalo, canto antes, ao Pleno municipal. “É unha boa noticia para as familias, para a comunidade educativa en xeral e para todas as persoas que agardaban que se deran estes pasos de cara a ter un novo modelo de comedores, que é un proxecto ambicioso que vai máis alá de ter unha conciña central, xa que aposta por ter un modelo de calidade, proximidade en todo o que se refire aos elementos saudables: saúde, educacióne tamén aspectos sociais”, resumiu.
Substitución da cuberta de Trasparlamento
Por outra parte, Goretti Sanmartín deu conta da xunta de goberno extraordinaria que tivo lugar o pasado mércores, 13 de maio, na que se aprobou o inicio da licitación da substitución da cuberta de Trasparlamento, unha obra unha obra valorada en 250.000 euros e que terá un prazo de execución de 100 días hábiles. “Por fin imos poñer remedio a un problema que levaba anos agardando a súa solución”, destacou.
“Atendemos as infraestruturas e os servizos cunha lectura moi xenerosa das competencias municipais, para favorecer que haxa este avance, porque entendemos que é fundamental ofrecer unha educación pública de calidade e porque é necesario paliar a falta de compromiso por parte da Xunta de Galicia cos centros composteláns”, dixo.
A alcaldesa comezou a súa intervención condenando unha agresión homófoba que tivo lugar en Santiago de Compostela nos últimos días. “Rexeitamos este tipo de comportamento, actitudes e afirmamos con total clareza que non teñen cabida en Santiago de Compostela, un lugar que sempre foi amigable, que apostou polas diversidades e que está totalmente en contra dos discursos de odio e dos discursos homófobos que infelizmente se producen, ás veces, entre nós”, manifestou Goretti Sanmartín, quen mostrou a súa solidariedade coa vítima.

