A Xunta presenta o proxecto da dragaxe do Lérez nas XVIII Xornadas Españolas de Enxeñería de Portos e Costas, en Huelva

Redacción

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, participou esta semana nas XVIII Xornadas españolas de enxeñería de portos e costas, celebradas en Huelva con presencia de profesionais de numerosas administracións, organismos e entidades sectoriais de toda España. Neste marco, Portos de Galicia presentou un relatorio centrado no proxecto de dragaxe do Lérez e, en concreto, no estudio de dispersión dos sedimentos na fase de dragaxe.

O equipo técnico da Área de Infraestruturas de Portos de Galicia, representante do ente público nas xornadas, destacou a alta complexidade e relevancia deste proxecto desde o punto de vista científico que xustifican a súa exposición neste evento técnico estatal, no que a actuación recibiu o recoñecemento técnico do sector a nivel estatal. Durante a súa intervención os técnicos de Portos explicaron o fío temporal do proxecto e a relevancia dos factores ambientais e socioeconómicos ligados á actividade do marisqueo na contorna da actuación.

As Xornadas de enxeñería de portos e costas son un foro profesional de importante  recoñecemento que aborda as demandas da sociedade relativas á xestión axeitada lo litoral, a protección ambiental, o desenvolvemento sostible da costa e a procura de solucións de enxeñería que satisfagan esta demanda e garantan os recursos litorais a longo prazo. Celébranse con carácter bianual desde o ano 1992.

Comparte este artigo