Esteban Ares: “Zernadas fixo un chamamento e Lousame respondeu: que máis precisa a Real Academia Galega para recoñecer o labor do precursor do galeguismo?”

Redacción

Representantes do tecido social, cultural, deportivo, empresarial e político de Lousame uníronse hoxe no adro da igrexa de Fruíme para reivindicar o Día das Letras Galegas 2027 para Zernadas de Castro, coincidindo co 250 aniversario do seu pasamento

“Eu con Zernadas”. Ese foi o grito común que se escoitou esta mañá en Fruíme durante a tradicional ofrenda floral diante do busto de Diego Antonio Zernadas de Castro. Un grito que xuntou a centos de veciños e veciñas de Lousame, representantes de todas e cada unha das asociacións existentes no municipio de tipo social, político, cultural, deportivo, empresarial… “Hoxe Diego Antonio chamou ao seu pobo e Lousame respondeu. E, con humildade, pero tamén co orgullo que me produce ser alcalde deste concello, lles pregunto aos académicos da Real Academia Galega: que máis precisades para recoñecer o labor de Diego Antonio Zernadas de Castro?”, preguntouse o alcalde de Lousame, Esteban Ares García.

Un punto no que coincidiu a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen agradeceu a presenza de representantes do Lesende CF, BTT O Treito, Club de Veteranos de Lousame, Club Atletismo Lousame, Banda de Música de Lousame, Asociación Cultural Prudencio Romo, Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, UNED Sénior Lousame, o grupo Anduriñas (Fruíme), a asociación folclórica Canlebó de Camboño, O Son do Pote (Tállara) e Autos Comparado. “Esta é unha foto de unión, de conxunto, de perseverancia e de forza para chegar, hoxe 17 de maio, á Real Academia Galega para dicirlle unha vez máis: Zernadas 2027”, concluíu a concelleira.

Zernadas dálle sentido ao Día das Letras Galegas

Unha unión que tamén agradeceu o alcalde: “persoas maiores, persoas novas, as sete parroquias de Lousame aquí reunidas en Fruíme e respondendo ao precursor do galeguismo. Grazas por facer historia porque esta foto non a imos poder borrar, por demostrar que Lousame é quen de unirse para defender a súa cultura”. Así mesmo, defendeu que “hoxe celebramos o Día das Letras Galegas, no que defendemos a nosa identidade como pobo e o uso da nosa lingua. Hoxe celebramos con máis ánimo ca nunca e co desexo de que o ano que ven, 250 aniversario do seu pasamento, pedimos por favor que se dedique a Zernadas de Castro o Día das Letras Galegas de 2027. Porque se alguén lle dá sentido a este día, se alguén defendeu ao galego, se alguén defendeu a Galicia antes incluso de que Galicia se pensase, foi el. Se alguén merece recoñecemento, por xustiza histórica, é o cura de Fruíme. E por iso estamos aquí”.

O alcalde explicoulles aos veciños que dende o Concello “puxemos enriba da mesa todo o que tiñamos, porque pensamos que merece a pena. Aquí non hai división: corporación, veciños e as asociacións do Concello de Lousame. E iso é o que debe ser a nosa lingua, un elemento de unión, nunca de confrontación. A nosa lingua perténcenos a todos e así o entendeu Diego Antonio cando afiou a súa pluma e se defendía das burlas que lle viña de fóra, doutros autores. El defendía o uso do galego nos séculos máis escurecidos de Galicia. Levantouse e creou a orixe do galeguismo e se queremos avanzar debemos saber de onde vimos, mirar atrás, coñecer a nosa historia e recoñecer que Zernadas é a orixe. Todos os que estamos aquí o temos claro”.

Por iso, Esteban Ares insistiu en que “hoxe é un momento histórico e, con humildade pero tamén con convicción, vólvolle trasladar aos académicos da RAG que miren isto porque cando un pobo se une ao redor da súa cultura, non hai silencio capaz a apagalo. Diego Antonio fixo un chamamento e Lousame respondeu”.

Ofrenda floral

Esteban Ares estivo acompañado no seu discurso por Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura; José Luís Veiras Manteiga, fillo adoptivo de Lousame; e por Ermitas Lorenzo, presidenta da Asociación de Veciños Zernadas de Castro, coa que fixo a tradicional ofrenda floral diante do busto do cura de Fruíme e baixo os acordes do himno de Galicia interpretado pola Banda de Música de Lousame.

Previamente, medio cento de persoas tomaron parte na segunda edición da “Andaina das Letras”, 5 km de percorrido e onde cada 500 metros se podía atopar un cartel informativo sobre a vida e obra de Diego Antonio Zernadas de Castro.

Ás 11:15 horas comezou a concentrarse a xente no adro da Igrexa de Fruíme baixo a música do grupo de gaitas O Son do Pote (Tállara), que deu paso á misa. Tras a ofrenda floral, polo escenario de Fruíme pasaron o grupo local Anduriñas, seguidas do grupo folclórico Canlebó (Camboño) e das Pandereteiras da UNED Senior Lousame. Estes tres grupos deron paso a unha sesión vermú co Dúo Charada e a un xantar popular organizado pola Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, que colgou o cartel de chego con máis de 120 participantes.

Comparte este artigo