O Concello licita o servizo de comedores escolares para dez CEIP e as tres escolas rurais

Redacción

A portavoz do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén a aprobación da relación de postos de traballo (RPT).

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns a licitación do servizo de comedores escolares para atender o xantar en nove centros de educación infantil e primaria e nas tres escolas rurais, e dos almorzos en dez centros e nas tres escolas rurais.

Os comedores escolares seguirán o próximo curso atendéndose mediante o modelo de contratación externa, mentres se pon en marcha o novo modelo sobre o que se está a traballar, como informou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, o venres. Con todo, a nova licitación xa introduce melloras importantes no servizo, destacou Míriam Louzao.

A primeira mellora ten que ver coa entrada en vigor do Real decreto que desenvolve a Lei 7/2011, do 5 de xullo, de seguridade alimentaria e nutrición, para o fomento dunha alimentación saudable e sustentable nos centros educativos, que afecta á planificación e á educación nutricional.

Outro dos avances que se introduce é o aumento do persoal de monitoraxe e unha atención máis completa e con maior dotación de persoal para as nenas e nenos con necesidades especiais, tal e como están a aplicar o Concello en todos os servizos do departamento de Educación.

Tamén se inclúen na prestación as tres escolas unitarias que o Concello empezou a atender neste mandato mediante un convenio coa Federación de Asociacións de Nais e Pais (FANPA) para ofrecer o xantar. “Agora, con este novo contrato, ofreceremos a partir do curso que vén xantar e almorzo”, subliñou a concelleira.

O orzamento total ascende a 3.535.022,44 euros, a razón de 1.898.345,57 euros ao ano.

O contrato licítase en dous lotes:

• Lote 1: Servizo de monitoraxe, cun orzamento máximo autorizado de 2.226.678,92 €, exento de IVE.

• Lote 2: Servizo de alimentación, cun orzamento máximo autorizado de 1.308.343,52€ (IVE engadido do 10%).

O primeiro lote contrátase para dous anos, prorrogables por outros dous.

O lote 2 licítase por un ano, prorrogable ata outros tres de forma individualizada, debido á previsión da posta en marcha dun novo modelo de funcionamento para o servizo de comedor.

A pesar de que o custo deste servizo sofre un incremento, non se van mudar os prezos públicos para o vindeiro curso, polo que a previsión de ingresos (situada para 2026 en 1.008.626,26) implica que o Concello sevai facer cargo dunha boa parte dos custos desta prestación.

Os CEIP que se benefician deste servizo son Apóstolo Santiago, Cardeal Quiroga Palacios, Fontiñas, Roxos, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas e Arquitecto Casas Novoa (só almorzo), xunto coas escolas rurais Bispo Teodomiro (Marrozos), O Gaioso (O Eixo) e do Rial (Laraño).

Relación de postos de traballo

O goberno local tamén lle deu o visto de prace na xunta de hoxe á nova relación de postos de traballo (RPT) do Concello, principal instrumento técnico e legal para estruturar e ordenar os postos de traballo de acordo coas necesidades municipais.

A anterior RPT municipal foi aprobada en xullo de 2024.Posteriormente, lembrou Míriam Louzao, realizáronse axustes na estrutura directiva e modificouse a dependencia dalgún servizo. Tamén se aprobaron modificacións no cadro de persoal e remataron procesos de estabilización e promoción interna. “Estas mudanzas teñen que reflectirse na relación de postos de traballo, un documento dinámico que se vai adaptando aos cambios organizativos e á incorporación de persoal, que é continua”, indicou.

Esta RPT actualiza a codificación de todos os postos co obxectivo de encadralos de maneira inequívoca na estrutura e facilitar o seu reflexo nas plataformas de administración electrónica. Á vez, recolle transformacións de postos para atender necesidades en determinados departamentos, que se resolven sen aumento de persoal mediante a amortización de vacantes.

A RPT aprobada recolle os novos postos que se crearon como resultado de acudir ao máximo permitido pola taxa de reposición de efectivos, consonte a decisión do goberno. Reflíctense os postos creados no cadro de persoal 2025 grazas a esta decisión: 1 técnico/a de administración xeral A1, situado en Contratación, 1 técnico/a de planificación e xestión tecnolóxica A2, 2 postos de bombeiros e 3 de policías.

Tamén quedan incorporados os postos que se ocuparon con procesos de promoción interna, unha vez rematados: un analista de sistemas informáticos, un técnico medio de informática, un programador, un técnico medio delineante, un xefe de equipo e un bombeiro condutor especialista.

A RPT modifica as características dalgúns postos, ás veces para dar resposta a necesidades identificadas, outras para clarificar a súa definición ou tamén para darlles unha denominación máis acaída. Tamén se indica separadamente, por primeira vez, o tipo de dedicación de cada posto e a xornada que ten atribuída.

Míriam Louzao engadiu que un dos cambios máis salientables desta RPT é a funcionarización de todos os postos que aínda permanecían como laborais, tendo en conta que na actualidade non existe xa diferenza de contido nin retributiva que sustente o dobre réxime. Este cambio ten en conta tamén que, de acordo coa Lei de emprego público de Galicia, xa non é posible contratar persoal laboral temporal, o que dificulta cubrir calquera eventualidade nos postos cualificados como laborais.

Os procesos de funcionarización son voluntarios para as persoas que ocupan estes postos, polo tanto aquelas que así o decidan poderán manter esta condición individualmente. A unificación das dúas tipoloxías posibilitará a mobilidade horizontal e vertical, na actualidade limitada pola diferenciación entre os dous réximes. O cambio afecta a 61 postos, de condutores, conserxes, parques e persoal de diversas categorías dos departamentos de Prensa, Educación, Deportes, Cultura, Lingua, Servizos Sociais e Emprego.

“Como documento dinámico que é, prepárase xa a seguinte modificación”, apuntou a voceira do goberno local. Desde hai meses, a través dun convenio asinado coa USC, o Concello está a traballar na valoración de todos os postos municipais co fin de recoller de forma pormenorizada as funcións e responsabilidades para determinar tamén con criterios obxectivos o contido dos complementos específicos. “Esta definición, ademais de ser unha esixencia normativa á que nunca se deu cumprimento neste Concello, foi un compromiso do goberno coa representación sindical. Xa que logo, unha vez remado este o proceso e para incorporar tamén os novos postos do cadro de persoal 2026, volverá tramitarse a aprobación dunha nova RPT”, engadiu.

Unha vez publicado no BOP, abrirase un prazo de exposición pública durante 20 días para alegacións.

Tamén respecto a recursos humanos, o Concello aprobou as gratificacións por servizos extraordinarios de correspondentes aos meses de xaneiro, febreiro e marzo de Policías (309.904,64 €), Bombeiros (216.674,75 €) e Administración (19.239,19 €). Incluída a Seguridade Social, as gratificacións para estes tres meses ascenden a 708.209,25 euros.

Litaxes de admisión das escolas infantís

A Xunta de Goberno aprobou hoxe tamén a relación definitiva de admisión e as listaxes de agarda nas escolas infantís municipais para o curso 2026-2027.

O prazo para presentar solicitudes de novo ingreso rematou o 6 de abril e, unha vez que a comisión de baremación emitiu a súa proposta, publicáronse as listaxes iniciais o día 28, tanto nos taboleiros das escolas infantís como na web muncipal. Rematado o período de reclamacións, de 10 días, apróbanse agora as listaxes definitivas. Os cambios teñen que ver cos casos que estaban pendentes de completar algunha documentación acreditativa. A voceira municipal e concelleira de Educación detallou que houbo tres reclamacións e que dúas delas non se admitiron porque se referían a crianzas que nacerán despois de rematado o mes de maio, data límite estableida nas bases. A outra si se admitiu ao quedar acreditado o empadroamento da nai.

Licenzas urbanísticas

A Xunta de Goberno concedeu licenzas urbanísticas para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar da Pena (Aríns), para a rehabilitación doutra vivenda unifamiliar no lugar de Bando de Abaixo e para a construción dun almacén loxístico de 5.873 m2 na Vía Édison, promovido pola empresa Uro Vehículos Especiais.

Tamén se lle outorgou licenza á reforma integral e ampliación do inmoble situado na rúa do Hórreo 44 con destino a 12 apartamentos turísticos. Trátase dun edificio catalogado e situado do perímetro azul de protección da Cidade Histórica. A súa ficha determina a protección do sistema estrutural de muros medianeiros, das fachadas, do sistema de comunicación vertical, do portal e da compartimentación horizontal, e permite adicionar un andar. O proxecto foi sometido a ditame da Comisión Asesora de Patrimonio.

Míriam Louzao indicou que este tipo de establecementos en edificio exclusivo é unha das tipoloxías que o decreto da Xunta de Galicia sobre aloxamentos inclúe dentro da categoría de hospedaxe do grupo I (hoteis), por tanto unha das que caben onde o PXOM compostelán admite o uso hoteleiro en edificio exclusivo.

A portavoz municipal explicou tamén que esta licenza foi solicitada en 2024 e ten a documentación completa esixible a data de 17 de novembro de 2025, polo que non está afectada pola suspensión aprobada no pleno do pasado febreiro.

Vixilancia do estadio Verónica Boquete

Por outra banda, o goberno local aprobou o expediente do contrato mixto de subministración e servizo dun novo sistema de seguridade e vixilancia para o Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro (fase I) cun orzamento base de licitación por importe de 203.391,09 € (IVE incluído). Agora abrirase o procedemento aberto de adxudicación.

Comparte este artigo