A alcaldesa participou hoxe na reunión do Consello de Administración da Asociación Internacional de Cidades Portuarias
A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe en Amberes (Bélxica) na reunión do Consello de Administración da Asociación Internacional de Cidades Portuarias (AIVP), da que A Coruña forma parte como membro. O encontro abordou cuestións estratéxicas para o futuro das cidades portuarias e o papel que estas desempeñan na transición ecolóxica, na innovación e no desenvolvemento urbano sostible.
En palabras da alcaldesa, “formar parte do Consello de Administración da AIVP permítenos defender o modelo de cidade-porto que estamos a construír en Coruña Marítima, baseado na sustentabilidade, na innovación e na visibilidade internacional”.
Durante a sesión, presentáronse os resultados financeiros do ano 2025 e a evolución das adhesións á rede internacional. Outro dos puntos centrais foi o avance da colaboración entre a AIVP e Blumorpho no marco da iniciativa Financing Maritime Innovation (FMI), destinada a mobilizar financiamento público e privado para proxectos de innovación marítima e portuaria. O programa, apoiado pola Fundación Príncipe Alberto II de Mónaco, realizará nos próximos meses encontros clave en Mónaco, Quebec e Dunkerque.
Inés Rey destacou a importancia de que A Coruña continúe presente nos espazos internacionais onde se debaten os retos das cidades portuarias e subliñou a relevancia que poden ter iniciativas como a Financing Maritime Innovation para o desenvolvemento futuro de Coruña Marítima.
Proxecto Havenwereld
No marco da súa presenza en Amberes, a alcaldesa tivo tamén a oportunidade de coñecer de primeira o avance de Havenwereld, o novo museo e centro de interpretación portuaria que o Porto de Amberes-Brujas está a construír para reforzar a relación porto‑cidade. O proxecto, situado preto do emblemático Havenhuis, ofrecerá experiencias inmersivas, espazos educativos e unha nova plataforma de divulgación sobre o funcionamento e o impacto do porto.
A rexedora destacou a relevancia deste tipo de iniciativas para o ecosistema internacional de cidades portuarias: “Proxectos como Havenwereld amosan o valor de lle abrir o porto á cidadanía e de explicar o seu papel na vida económica e social. A Coruña está a avanzar nesa mesma dirección, e formar parte do Consello da AIVP permítenos compartir visións e aprender de experiencias de referencia”.

